Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A ‘Longa noite...’ de Ferreiro suma unha nova edición bilingüe

Auga Editora lembra os 50 anos do poemario, cunha tradución ao castelán de Ramón Nicolás

A poucos autoras ou autores dunha literatura lles está reservado o privilexio de cifraren nun título poético o tempo que habitan ou de o convertiren no emblema dun sentimento colectivo, mesmo nun lugar común. Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, é un deses casos. Así o sinala o crítico literario e tradutor vigués, Ramón Nicolás, na introdución de Longa Noite de Pedra/Larga Noche de Piedra, versión bilingüe galego/castelán deste título fundamental da poesía contemporánea, que vén de incorporar ao seu catálogo Auga Editora (non así á súa web, onde non está a disposición dos leitores), e que, como sinala o propio Nicolás no limiar, está pensada "fundamentalmente para o leitor non galego con certas inquedanzas".

Longa noite de pedra saíu do prelo en 1962, sete anos despois d’O soño sulagado (1955), considerado o primeiro poemario independente de Celso Emilio en lingua galega. Apareceu na colección Salnés, unha sorte de sucursal lírica de Galaxia, na que confluían en labores de dirección o propio Ferreiro, Emilio Álvarez Blázquez e Fernández del Riego. Á publicación do libro sucedeulle un recoñecemento unánime do público e da crítica e a inmediata conversión do seu autor en poeta de referencia no sistema literario galego. E non só. O celanovés virou ademais nun dos escritores máis lidos e traducidos fóra de Galicia, mercé, como lembra Nicolás, "ás seguintes edicións realizadas, a partir de 1968, desde a colección poética de El Bardo", editorial catalana, dirixida por José Batlló, que recolleu, na altura, a tradución do profesor Basilio Losada. Losada asinaría tamén a tradución ao castelán incluída por Akal no primeiro tomo das Obras completas, de CEF, publicada en 1975 na colección Arealonga, ao coidado de Xesús Alonso Montero.

(Más información en El Correo Gallego)

 

 

11 feb 2012 / 21:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito