Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 27 noviembre 2021
22:51
h
{ poesía }

Longa viaxe cara á noite de Lois Pereiro, poeta fundamental do século XX

Obra completa (ed. bilingüe), Lois Pereiro, Trad. de D. Salgado, Pról. de P. Gimferrer, Intro. X.M. Pereiro, Xunta de Galicia, Libros del silencio, 2011, 749 págs. 28€

    SON NUMEROSAS as obras publicadas ao redor da figura de Lois Pereiro (Monforte de Lemos, 1958- A Coruña, 1996) durante este ano, ao ser o poeta homenaxeado, quizais contra todo prognóstico, no Día das letras galegas. Afortunadamente,
    Lois Pereiro conseguiu abrirse camiño entre os elixidos, con máis sorte de que tivo en vida, e con máis xustiza. Aos que o lemos nos últimos trancos da súa existencia, Pereiro sempre nos pareceu un poeta fundamental, á altura dos máis grandes, aínda que, pola súa propia peripecia vital e o seu carácter, aparecía a miúdo arrumbado nas esquinas da literatura. Non tiña el vontade de grandeza, é certo, aínda que moitos secretamente (e non tan secretamente) lle admiraban, aínda vivo. Non esquezamos que os seus
    dous poemarios, aparecidos en Edicións Positivas (Poemas, e Poesía última de amor e enfermedade) alcanzaron longas tiradas, nada habituais na poesía galega. Hoxe, a súa reivindicación parece xusta, necesaria, imprescindible. Este libro, que publican conxuntamente a Xunta de Galicia e Libros del silencio levará a Pereiro ao lector en castelán (loable o esforzo de Daniel Salgado, con textos, sen dúbida, difíciles): isto axudará a que o poeta vangardista e contracultural, un dos verdadeiros revolucionarios da estética poética de finais do século XX, sexa valorado máis aló das fronteiras de Galicia. E, por suposto, en Galicia tamén. Creo sen temor a equivocarme que Pereiro debe ser colocado á altura dos poetas fundamentais do século XX, poeta de gran beleza plástica, incómodo, con todo, existencial, surreal en ocasións, tan underground, pero tan a flor de pel, tan lírico e clásico como Valente ou Antonio Colinas, tan rompedor e metálico como Ashbery, tan cheo de luz e escuridade como Gamoneda. Este libro é un libro magnífico para un poeta magnífico. A valentía de reivindicar a Lois Pereiro este ano, aínda tan presente entre nós, prodúceme unha gran felicidade. Oxalá sempre esteamos tan atinados.

    28 may 2011 / 04:46
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito