Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Lousame licitou cinco proxectos de pavimentación de vías por 315.000 €

Executaranse nos núcleos de Camboño, Cernande, Servia, Ces, Filgueira e Xestoso

    Lousame. O Concello de Lousame vén de sacar a licitación cinco proxectos de pavimentación de viais e camiños do municipio por 315.000 euros. Todas estas actuacións inclúense dentro do Plan POS+2019 e do Plan Complementario POS+2019, que están financiados pola Deputación Provincial da Coruña.

    "Con estas obras melloraremos distintas vías de comunicación entre as parroquias, optimizando a mobilidade da nosa veciñanza", indica a alcaldesa, Teresa Villaverde. A estes traballos cómpre sumar os que se están a facer en distintos puntos do concello.

    O proxecto que contempla un maior investimento é o do vial de Camboño ao cruce de Arxellas; un en Ces e diversos camiños no lugar de Cernande (Tállara). Nos dous primeiros casos aplicarase unha mellora da capa de rodaxe con cinco centímetros de aglomerado en quente, mentres que no último, aplicarase zahorra e formigón. O orzamento de licitación para estes traballos ascende a 180.000 €.

    Tamén en aglomerado quente se acometerá o asfaltado da vía da aldea de Servia á estrada comarcal de Padrón a Portobravo. Neste caso, contémplase un investimento de algo máis de 83.000 euros. Esta actuación levarase a cabo en preto dun quilómetro de lonxitude deste acceso que conecta cunha das principais arterias de comunicación coa capital municipal.

    O último dos plans conta cun investimento duns 53.000 euros e prevé a pavimentación de camiños en Filgueira e de viais en Xestoso. Aplicarase aglomerado en quente de cinco centímetros á capa de rodaxe, segundo informou o executivo lousamián.

    10 ago 2019 / 22:40
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito