Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Lucirán un traxe propio na Festa da Filloa as xeneralas

Carmen Pichel, encargada do deseño, buscou a practicidade e o perfil feminino // María Mera e Ramón Castro serán os convidados especiais // Antes do día grande, o próximo dez de marzo, haberá varias xornadas de degustación

Xa está pechada a programación da Festa da Filloa de Lestedo, que celebrará a súa trixésimo sexta edición o vindeiro 10 de marzo. "É unha das citas gastronómicas máis consolidadas de Galicia e vai cerrar o Entroido da Ulla", comentaba onte o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, durante o acto de presentación. "Polo tanto, o que veña ao municipio ese día poderá desfrutar de dúas festas declaradas de interese turístico", engadía o rexedor.

O presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, e o empresario Orlando Vázquez encargáronse de detallar o programa deste ano, que contará coa presenza da actriz María Mera como presentadora do evento e co xornalista de Onda Cero Ramón Castro como pregoeiro.

A xornada arrancará sobre as 12.00 horas coa tradicional parranda de entroido, e ás 12.30 está previsto o desfile de Xenerais. Acto seguido, será o turno do pregón e imporanse os mandís de honra. A tarde estará amenizada polos grupos Ardora, Raeira, Raiola, Luz do Ilicino e O Recobio, e terán lugar os agardados atranques. O punto e final vaino poñer a música das orquestras Finisterrae e París de Noia.

Por suposto, non faltará a máquina filloeira que elaborará unhas 1.500 por hora e que se poderán degustar doces ou salgadas. Unha das novidades deste ano é que "se van substituír os pratos e vasos de plástico por outros de material ecolóxico e de reciclaxe" como mostra da sensibilidade medioambiental.

Con todo, antes do día central, vanse organizar varias actividades para ir abrindo boca. Dende o próximo día vinte e oito e ata o nove de marzo poderá probarse ese emblemático produto en El Corte Inglés de Santiago, e do catro ó oito celebraranse as xornadas gastronómicas, nas que varios establecementos locais ofrecerán petiscos e outras elaboracións con este prato galego como base e con alimentos de tempada.

Ademais, nesta edición tamén La Galiciana, en Santiago, ofrecerá as súas receitas ó respecto o venres un de marzo.

Sen dúbida, a gran noticia deste ano é que por fin as xeneralas da Ulla terán o seu propio traxe. Así o comunicou a deseñadora e estilista Carmen Pichel, que se mostrou "moi nerviosa porque é unha gran responsabilidade" pero á vez feliz, xa que "era hora do empoderamento feminino". Aínda que non quixo desvelar moitos detalles deste novo atuendo porque "hai que velo o día 10", asegurou que tivo en conta a necesidade de que fose cómodo para moverse e que plasmou tamén o "perfil coqueto e divertido". Concretou asemade que buscou inspiración en Rosalía de Castro e Pepa A Loba. O tricornio vai ser distinto, "xa que é moi pesado", e buscouse facelo máis práctico, sen perder o encanto.

Na presentación estivo tamén a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que loubou o esforzo dos veciños e veciñas por recuperar esta exaltación sobre un postre "que nos singulariza". O mesmo dixo o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, quen asegurou que "segue estando de actualidade".

22 feb 2019 / 22:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito