Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O XOVES en santiago

Luís Menéndez presenta o seu libro 'Galleira Passport', viaxe multicultural por 26 países

A obra conta cun limiar de Manuel Rivas

    Galleira é Galicia na xerga gremial dos afiadores, o irónico e mundial barallete. O termo serviulle de alicerce a Luís Menéndez, xornalista ambulante, para ganduxar tres inesquecibles travesías polas realidades multiculturais de 26 países. Desde Irlanda a Bretaña, desde Estonia a Chipre, de Brasil e Timor-Leste ata Mozambique. Do percorrido saiu un libro que o autor, Luís Menéndez, presenta en Santiago este xoves, día 18, ás 19:00 horas, en Silveira-Casa de Xantar (praza de Mazarelos). O título é, 'Galleira Passport. Crónicas viaxeiras do século XXI', está publicado por Alvarellos Editora, na súa Colección Oeste, e conta cun limiar de Manuel Rivas.

    Son relatos de viaxes con historias que atrapan dende o primeiro intre, historias cheas de humanidade e de humor descubertas e contadas polo autor das series documentais da Televisión de Galicia Terras de Merlín, Terras do Leste e Terras de Acolá (inclúe un código “QR” con acceso directo á series da TVG que orixinaron estas viaxes).

    No acto de presentación intervirá o propio autor, que estará acompañado polo editor Henrique Alvarellos. Haberá unha actuación especial na que unha uillean pipe, a ancestral gaita irlandesa, soará nas mans do músico Rafael Castro Vaamonde.

    O AUTOR
    Luís Menéndez Villalva (Ourense, 1959) é licenciado en Xornalismo pola UCM (1981). Desenvolveu unha ampla traxectoria profesional internacional tendo sempre como pivote a súa terra, Galicia. Especialista no Camiño de Santiago, foi galardoado co Premio Nacional “Alvaro Cunqueiro” (1982). Traballou en numerosas publicacións de prensa, radio e televisión, e foi dos pioneiros da TVG desde onde creou a serie dos galegos no mundo pola que recibiu o Premio Galicia de Xornalismo (1990). Tamén, entre outros moitos proxectos multimedia, elaborou a triloxía documental das Terras de Merlín, Terras do Leste e Terras de Acolá, un compendium de diversidades culturais destiladas neste libro. É moi coñecido tamén o seu labor a prol dos dereitos dos xornalistas e da liberdade de prensa que defende desde o seu posto electo (Dublín, 2013) no comité executivo da International Federation of Journalists. Galleira passport é a terceira obra do autor despois de Toda Terra é dos homes. Galegos no Mundo e Vida e viaxes na Galeguidade.

    16 dic 2014 / 13:14
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito