Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Luis Menor destaca o pulo demográfico de Pereiro de Aguiar na última década

A súa proximidade a Ourense e os servizos que lles ofrecen, claves para o asentamento de nova poboación no concello

A escasos quilómetros de Ourense, o concello do Pereiro de Aguiar converteuse nun área complementaria á cidade, na que, ao contrario da realidade provincial, o seu censo non para de medrar. O seu plan de urbanismo e os servizos, unido á contorna natural e xeográfica, convérteno nun municipio moi atractivo.

"A capital danos traballo, comercio, termalismo ou servizos, pero nós tamén lle aportamos un parque empresarial e outros servizos como a educación, con tres centros (dous deles concertados), hostalería, rutas de sendeirismo e, en moitos casos, unha segunda residencia e mesmo primeira para moitos ourensáns", comenta o alcalde, Luís Menor.

Por ende, as relacións son moi fluídas, o que lles axuda a levar a cabo anteproxectos en conxunto. Este é o caso da nova estrada de Montealegre, que conectará a área empresarial do Pereiro coa cultural da cidade das Burgas ou a senda peonil que unirá o Encoro de Cachamuíña coa zona termal de Mende.

Ademais da proximidade, tamén destacan pola súa atención á infancia, a oferta médica, cun novo centro de saúde que se ampliará, ou as alternativas culturais e ambientais. Contan, para os maiores, coa axuda no fogar, actividades de todo tipo e van a implantar o "xantar na casa", coa idea de que teñan as mellores condicións posibles. Isto compleméntase coas ata tres residencias xeriátricas que teñen.

Outro factor diferencial que provoca que a poboación chegue case aos seis mil habitantes, e a súa posición á cabeza da renda per cápita da provincia, foi a apertura do moderno parque empresarial, no que traballan sobre dúas mil persoas. "É unha realidade determinante para o Pereiro actual e por iso estamos iniciando os trámites para unha nova fase de ampliación", remarca. Nel, proximamente, construirán un edificio multiusos, que dará servizo ás empresas e que albergará oficinas municipais.

Por último, teñen en marcha outros proxectos como a Ruta dos Muíños, polos arredores do río Loña, porta de entrada da Ribeira Sacra, que serve para potenciar a posición histórica deste concello como fundador desta zona.

Ligado a esa natureza, implantarán unha "Aldea Modelo", con características metropolitanas (dotada, por exemplo, de fibra óptica), que se rehabilitará mesmo con nova construción, grazas ao Plan Xeral de Ordenación Urbana. Mentres que no plano cultural, potenciarán as figuras locais do ilustrado Padre Feijóo, o Coronel Chamuíña e o tan querido investigador Xosé Ramón Fernández-Oxea "Ben-Cho-Shey.

13 feb 2020 / 22:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito