Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
galicia xxi ·· actores do cambio

Luis Tosar: "Non admiro a 'Malamadre': é un tipo aborrecible"

"Os actores somos visibles cando os personaxes están ben. Debo darlle as grazas a Daniel Monzón" ·· "Sempre dicimos que os premios son os nomeamentos, pero cando estás na gala dos Goya o que queres é ganar"

Luis López Tosar (Cospeito, Lugo, 1971), máis coñecido como Luis Tosar, é candidato aos Premios Goya 2009, no que se refire á mellor interpretación masculina como protagonista, polo filme Celda 211, dirixido por Daniel Monzón, que suma 16 nomeamentos. Tosar xa foi galordoado cos Goya en dúas ocasións anteriores: no 2002 pola súa interpretación en Los lunes al sol, de Fernando León de Aranoa, e no 2003 como protagonista de Te doy mis ojos. Aínda que os seus primeiros pasos artísticos foron no teatro, participou xa en case corenta longametraxes nos últimos once anos. No 2006 formou cartel xunto a Colin Farrell e Jamie Foxx nunha película baseada na serie televisiva da década do 1980 Corrupción en Miami. No 2009 temén rodou, en Alacante, a película inglesa Mr. Nice, xunto a Rhys Ifans, Chloë Sevingy, David Thewlis e Elsa Pataky, e antes O apóstolo, de Fernando Cortizo, e 18 comidas, de Jorge Coira, que serán presentadas en 2010. Luis Tosar foi elixido Galego do mes en febreiro de 2003 polo medios de comunicación do GRUPO CORREO GALLEGO.

_ Dende que empezou no cine que cambios experimentou vostede dos que é máis consciente?
_ Os cambios foron bastante graduais. Pero noto que isto vai un pouco por ciclos. Por exemplo, cando foi a temporada de Te doy mis ojos, Los lunes al sol, etc., iso conforma un ciclo, no que o traballo é para un público máis grande, con películas que teñen unha boa distribución e hai un recoñecemento a nivel de premios. Iso ten máis repercusión e repercute na túa vida. Durante un tempo es máis famoso, a xente párate pola rúa por un detalle concreto e non só porque lle soes. Neses ciclos cámbiache a vida e sénteste máis estraño, porque ao estar de moda participas en eventos e compromisos que che alteran a normalidade. Cando pasa ese ciclo, podes vivir tranquilo e dedicarte ao que che gusta: facer películas e teatro.

_ Houbo unha época na que tamén fixo algún musical.

_ Era un espectáculo musical Los Magical Brothers. Tivémolo no repertorio case dez anos. Ao ser cabaré era moi fácil de montar. Iamos polos cafés-teatro.

_ Era un espectáculo musical . Tivémolo no repertorio case dez anos. Ao ser cabaré era moi fácil de montar. Iamos polos cafés-teatro.

_ Divertiuse con el?

_ Moito. Compensábame das cousas que non me gustaban. Era un espectáculo totalmente libre, interactuabamos co público.

_ E pasan os anos e aparece vostede na Celda 211.

_ Je, je, je... Pois si.

_ José Enrique Monteverde escribe en Cahiers du Cinéma que vostede fai "un dos personaxes máis poderosos e fascinantes que o cine español nos ofreceu en moito tempo". É un eloxio merecido?

_ É un afago. Pero iso tampouco é responsabilidade miña, pois o personaxe estaba escrito.

_ Pero vostede interprétao. De feito ‘Malamadre’ xorde da novela homónima de Francisco Pérez Gandul, publicada no 2004.

_ Si, pero incluso está mellor escrito no guión. O personaxe Malamadre mellorou moito no guión respecto do que é na novela, ou polo menos adquiriu moitos máis artistas; fíxose un personaxe máis poliédrico do que era na novela. Hai que ser moi mal actor para non facer un traballo minimamente decente con iso. Estou convencido de que os actores somos visibles cando os personaxes están ben, se non é así é moi difícil que se recoñeza o teu traballo. Cando che toca facer un personaxe gris, porque é así o personaxe, moi dificilmente ten recoñecemento ese curre. Eu dou grazas por poder facer un personaxe como o de Malamadre.

_ Pois eu nunca o vira a vostede nese rexistro, e impresionoume gratamente. Facer ese personaxe require moito carácter?

_ Si, pero iso é tamén un acerto do director. Hai por aí moitos actores espectaculares que nunca acaban de ter un personaxe para lucirse de verdade, tirar de todos os recursos que teñan e facer un abano de historias. No meu caso, debo darlle as grazas a Daniel Monzón. Cando me ofreceron facer Celda 211, o primeiro que fixen foi ler a novela, e estaba absolutamente convencido, un pouco pola inercia, de que ía facer o outro personaxe. Cando Daniel me mandou o guión, falou comigo por teléfono, e eu pregunteille: oes, pero que personaxe queres que faga? Pois, Malamadre, díxome. E sorprendeume. Era raro que me chamasen a min para facer ese personaxe con tanto carácter, como dis ti. Ese non era o tipo de papeis que a min me ofrecían: máis introvertidos, máis conceptuados, que aínda sendo malos eran tipos moi sobrios. Malamadre é todo o contrario. E téñoo que agradecer.

_ Que sensacións lle produciu a rodaxe no cárcere de Zamora?
_ Cando nós entramos alí, o cárcere levaba 12 anos pechado, e os decoradores adecentárano uns días antes, pero aínda así o que máis me impactou foi o cheiro que había. Era un cheiro moi peculiar. Despois eu tiven a ocasión de entrevistarme durante dúas horas cun preso histórico, que levaba 20 anos no talego. Foi un asesor de luxo que tivemos para facer a película, co que traballaran para facer o guión. Era un pouco un Malamadre. Pero o que me sorprendeu foi que el desprendía exactamente o mesmo olor que aínda hai no cárcere de Zamora. O olor non era desagradable nin especialmente agradable; era peculiar; propio do cárcere.

_ Que tipo de sensacións espertaron en vostede os presos ao facer o personaxe de Malamadre?

_ Cando estás facendo as visitas para a documentación sentes un pouco de todo. Eu sentía compaixón por xente que, claramente, ves que non ten ningún sentido que estea no cárcere. Dificilmente así se van reinserir na sociedade; teño moitas dúbidas de que iso funcione. E quizá están alí por unha parvada, por un erro que cometeron nun momento da súa vida. Cando ves aquilo pensas se ten sentido un castigo tan radical.

_ A reinserción é posible?

_ Para os que teñan sorte, si. Afortunadamente, atópaste con funcionarios, con educadores, con psicólogos que teñen o convencemento de que iso pode funcionar, e traballan acotío por iso. Pero tamén ves moito elemento raro, xente que está alí polo traballo que ten, pero que carece de vocación e non ten especial gana de que determinados tipos saian para adiante. E logo cos presos perigosos, cos que están illados, a sensación é tamén un pouco de todo; se ben algúns tiñan pinta de ser moi, moi malos, e non querías pasar cerca deles, logo había outros que, probablemente por levaren moito tempo na cadea, estaban totalmente desquiciados, e dábanche pena.

_ Se con Celda 211 acada o terceiro Premio Goya, recibirao como un máis ou será distinto aos anteriores; ou non pensou niso?

_ Pensar no premio é inevitable, porque está á orde do día desde que saíu o nomeamento. Sempre recorremos ás frases feitas, a dicir cousas como que os premios son xa os nomeamentos e esas cousas, pero , cando estás alí, na gala, o que queres é gañar. Para iso aceptas estar na competición. Non podo esquecer que aí tamén compite Ricardo Darín. Celda 211 leva recadados 10 millóns de euros, o que equivale a un millón e pico de espectadores. Iso é realmente o soñado para unha película, sobre todo no momento en que está pasando o cinema español.

_ Co Celda 211 abre vostede un novo ciclo?

_ Dos tipos de ciclo dos que falei antes, este claramente é outro ciclo. Volvo estar no candeleiro e a andar ás veces disperso. Pero como coincide que desta vez non estou a rodar, lévase mellor.

_ Pasoulle algunha vez pola cabeza ir facer cine aos Estados Unidos?

_ Si que o pensei, pero ás veces que o pensei rexeiteino a toda velocidade. Dáme moitísima preguiza ter que ir alí e empezar practicamente de cero; practicamente sería como un descoñecido, aínda tendo algunhas películas que podería ensinar porque se distribuíron alí. Eu teño moitas cousas que facer aquí, e moito que fregar e moito que aspirar.

_ Con que personaxes dos que leva feito se sente identificado?

_ Cun da película La flaqueza del bolchevique. Un tipo co que eu, no eido ético e moral, coincido máis, incluso ata no punto de cinismo que ten o personaxe, se ben non me gustaría ser exactamente así. Un tipo ao que entendía perfectamente, incluso porque eu pasara por situacións semellantes. Co resto non teño moito que ver nin me gustaría. Non podo sentir admiración por un tipo aborrecible como Malamadre .

_ Seguen a ser necesarias as subvencións ao cine español?

_ Sen elas agora mesmo non se faría cine. Con só investimento privado non se farían películas ou faríanse de 50.000 euros como moito. Debe ser un sistema máis transparente, e estase niso, para que as opcións sexan por valoracións que teñan que ver cos currículos reais das produtoras e a súa traxectoria. Non se pode seguir subvencionando películas nada rendibles.

_ Os actores de cine deben pasar polo teatro?

_ Non o sei. Hai actores de cine que non necesitan facer máis do que fan, pois son espectaculares.Ao meu modo de ver, se fixeches teatro, volverás facelo. Engancha. Hai sensacións que son imposible de conseguir no cine. É un modo de estar aí, de sentir, de ver que pasa, e o do público non é reproducible no cine. A liberdade persoal para o actor que hai no teatro non a hai no cine.

_ Co paso do tempo vese vostede como un empreario de teatro ou como un director de cine?

_ De feito, xa fun empresario en autoxestión. E ando agora con algúns proxectos como actor-empresario, e estou metido na produtora Zircocine. Controlo máis do mundo da produción de cine ca do mundo da produción teatral, pero dirixir paréceme cada vez máis complicado. Non sei se me atreverei.

_ Segue a actualidade do que pasa en Galicia?

_ Si, pero non me obsesiono.

_ Que opina da política lingüística do Goberno Feijóo?

_ O do inglés parece unha cousa marciana. Non sei como farán. Hai que defender o galego.

_ Que lle parece que se sitúe unha piscifactoría en Touriñán?

_ Moi mal. Estou convencido de que en 1.500 quilómetros de costa hai sitios onde o impacto ambiental e paisaxístico é moitísmo menor ca nun sitio emblemático como Touriñán. Ademais, choca coa necesidade de ir cara a un turismo que prime a paisaxe e o medio natural. Manda huevos que a estas alturas aínda se poidan facer esas cousas.

O PERFIL

"Varrer reláxame e concéntrame"

En que lecturas anda?

Pois agora mesmo estou a ler guións, que en xeral son bastante aburridos. E estou co libro Cormack Marcathy La carretera.

Vai con frecuencia ao cine?

Vexo moito cine na casa e vou pouco ás salas.
Como é iso?

Si, porque nos últimos anos collín o costume de ver as películas en versión orixinal, sobre todo cando hai actores que me interesan, e iso non o podo facer aquí.

Home, nesa actitude hai algo de profesional. Vai moito ao teatro?

Si... O que pasa é que atopo poucas cousas que me gusten en teatro; son bastante mexeriqueiro para o tema do teatro. Cando estou en Madrid vou ver teatro alternativo.

Que tipo de música lle gusta escoitar?

Rock and roll e pop, basicamente. Pero non acabo de atopar algo que encha todas as miñas expectativas.

Por onde van as súas preferencias en artes plásticas?

Non son un grande afeccionado. En escultura gústame a obra de Serra, grande e en metal.

A arquitectura é arte?

Estou convencido de que algún tipo de arquitectura si é arte. Gehry e esa xente son máis artistas ca arquitectos. Ás veces teño visto propostas arquitectónicas que son máis para visitar e ver ca para outros usos.

A onde lle gusta viaxar fóra da cuestión profesional?

Pois despois de tanto andar por aí por cuestións profesionais, xa me gustaría sabelo. Teño moita debilidade por Nova York, a onde ata agora as tres veces que fun non foron por razóns de traballo, afortunadamente. En xeral, Estados Unidos gústame moito. É un país moi grande, con moitos sitios para coñecer, e ten unhas ofertas de natureza moi interesantes.

Gústalle cociñar?

Pouco. Practicamente non cociño.

Fai as tarefas da casa?

Buf... Son esaxeradamente ordenado. Pero tamén vai por temporadas. Se estou dous meses fóra da casa e volvo, máis ou menos tanto me ten; pero cando xa levo unha semana na casa, empezan as paranoias: ui, isto está mal; ui, isto hai que movelo. E logo son moito de limpar, aspirar e varrer. Porque iso por un lado reláxame, ao ser unha actividade estritamente física que fago de maneira automática, e polo outro axúdame a concentrarme cando teño que estar rompendo a cabeza con algunha historia.
Que tal recibiu o primeiro teléfono móbil?

Ben. Daquela época eu estaba traballando no Centro Dramático Galego, e era o único que tiña un teléfono móbil porque naquel momento traballaba nunha empresa que empezaba a vender teléfonos, aínda que daquela era Moviline e non Movistar. Era un ladrillo. Creo que foi o único avance tecnolóxico no que fun pioneiro, porque no resto...

Utiliza o PC portátil?

Teño un Mac, que me regalaron hai oito anos. A min gústame o Mac, ata por cuestión estética. Son bastante máis bonitos cós outros, pero os novos pequenos empezan a parecérselle.

06 feb 2010 / 18:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito