Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Máis de 200 filmes na 30ª edición de Cineuropa

Olivier Assayas, Marco Bellocchio, François Ozon, Xavier Dolan, Bertrand Bonello, Joao Pedro Rodrigues, Ulrich Seidl, Bruno Dumont, Cristi Puiu e Alain Guiraudie son os principais nomes propios dun cartel de luxo

O festival de cine Cineuropa celebra neste 2016 a súa 30ª edición do 8 ao 27 de novembro. Nela, poderemos ver un total de 213 filmes, dos cales 30 competirán na Sección Oficial polo Premio do Público. Cineuropa foi presentado esta mañá polo alcalde da cidade, Martiño Noriega; a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; o director de Aagadic, Jacobo Sutil; e o director do festival, José Luis Losa. Este ano, ademais, o festival entregará tres Premios: un especial ao cineasta Carlos Saura e outros dous galardóns á actriz Lola Dueñas e ao exdirector da Filmoteca Española, José María Prado.

Máis de 15 seccións, coloquios con cineastas, encontros co público, clases maxistrais… completan unha edición de celebración na que o festival chega aos 30 anos. As actividades celebraranse no Teatro Principal, Salón Teatro, Centro Galego de Arte Contemporáneo, Afundación, Auditorio de Galicia e este ano tamén, como novidade, no Numax. A programación completa pode consultarse xa en cineuropa.gal e as entradas e abonos estarán á venda a partir do luns 7 ás 15:30 horas, tanto nos despachos de billetes como por internet. O festival inaugurarase o martes 8 no Teatro Principal ás 20:30 horas, co filme El ciudadano ilustre, premio ao mellor actor en Venecia e Espiga de Prata na Seminci de Valladolid.

30 filmes na Sección Oficial
Olivier Assayas, Marco Bellocchio, François Ozon, Xavier Dolan, Bertrand Bonello, Joao Pedro Rodrigues, Ulrich Seidl, Bruno Dumont, Cristi Puiu e Alain Guiraudie son os principais nomes propios dun cartel de luxo polo que pasarán os grandes autores europeos en liza. A isto, temos que engadir outros dous nomes destacados na Sección Oficial: o galego Oliver Laxe e o catalán Albert Serra. Son os dous premios Cineuropa mais novos e acompañarannos de novo na cidade para presentar as súas novas películas tras o seu paso por Cannes. Oliver Laxe estreará en Galicia Mimosas, gañadora no festival francés da Semana da Crítica, e Albert Serra amosaranos o seu La mort de Luis XIV.

Panorama Internacional
Na sección Panorama Internacional estreamos os novos filmes do norteamericano Paul Schrader, e teremos aos coreanos Park Chan-wook e Hong-Sang Soo, ao iraniano Asghar Farhadi e o brasileiro Klever Mendonça. Ademais, incluímos nesta sección dous dos filmes mais controvertidos da temporada: The Neon Demon, de Nicolas Winding Refn, e a adaptación do relato de Javier Marías Mientras ellas duermen, por Wayne Wang.

Outras seccións e destaques do programa
As seccións deste ano serán, ademais da Sección Oficial e o Panorama Internacional, Fantastique Compostela; Docs Cineuropa; Docs-Music: a invasión británica dos 60; Latido Americano; Cine e Tupamaros: da loita armada á presidencia; Centenario María Casares; O Polar: a idade de xeo do cinema negro francés; Das musas ao teatro: cinema sen apuntador; Marcello, vinte anos despois; Cinefilias: Cult Movies; Panorama Audiovisual Galego; Premios Cineuropa; Programa especial RFG; Maratón; Curtas; Cinema en Curso; e Actividades Paralelas.

Dentro delas podemos destacar a presenza de cineastas que asistirán a Cineuropa para presentar ao publico as súas películas que a maiores dos que xa comentamos, serán a francesa Pascale Breton, o arxentino Eugenio Canevari e os españois Alberto Morais e Adolfo Dufour. Destaca dentro do programa un extenso ciclo dedicado ao polar, "O Polar; a idade de xeo do cine francés", que revela como a maior parte do cine negro francés permanece sorprendentemente inédito en España, baixo o peso da ditadura franquista que o consideraba anormal. Tamén destacamoss o ciclo "Tupamaros: da loita armada á presidencia", que analiza o mais descoñecido dos movementos de Resistencia e represión das ditaduras do Cono Sur e estrea en España películas como Tupamaros ou Mujica, el presidente. E no ciclo "Latido americano" estrearemos en España traballos coma o documental Ayotzinapa. Crónica de un crimen de estado.

Entradas e despacho de billetes
As entradas mantéñense a un prezo de 4 euros, que quedan en 3 se se merca o abono, que ten un prezo de 30 euros e é válido para 10 películas. Ademais, co abono vai de agasallo o catálogo do festival que, se se merca solto, ten un prezo de 2 euros. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto todos os días de 15:30 a 22:00 horas en venda anticipada e ata 5 minutos antes de cada sesión na venda inmediata) ou en entradas.abanca.com, ademais de no 902 434 443. A maiores, para as películas que se proxectan en Numax tamén se poderán mercar na propia sala. Só serán de pago uns 80 filmes, os das seccións Oficial, Panorama Internacional, Docs Cineuropa, Fantastique Compostela, Latido Americano e Cine e Tupamaros: da loita armada á presidencia. Ademais da Maratón, o concerto da Real Filharmonía de Galicia coa proxección de Metrópolis e a Clase Maxistral con Paula Ortiz. Para todas as demais seccións, unhas 130 películas, a entrada será libre ou de balde previa retirada de invitación.

#Cineuropa30 e Redes Sociais
Para celebrar estes 30 anos do festival, a Concellaría de Acción Cultural lanzou a campaña #Cineuropa30, animando a todos os fans de Cineuropa a compartir lembranzas relacionadas co festival e a comentar cales foron as súas películas favoritas dende o Facebook e o Twitter de Cineuropa. Na páxina web, cineuropa.gal, poden consultarse todos os programas de man e a lista das case 3.000 películas que se puideron ver no festival desde o seu inicio e, por suposto, toda a programación deste ano.

Tamén se pode seguir a actualidade festival a través dos perfiles do festival nas redes sociais Twitter, Facebook e Instagram. Ademais, este ano unha canle de Telegram informará puntualmente a todos os espectadores que se subscriban, tanto sobre a axenda do día como sobre os posibles cambios de última hora que poida haber no programa.

Apoios e colaboracións
Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago coa colaboración do Consorcio de Santiago, Agadic, o CGAC, Afundación e o ICAA. Conta tamén co apoio de Instituto Goethe, Instituto Camões, Pousadas de Compostela, Viajes Sant Yago, Autos Rayma, María Castaña, Café de Altamira, A Horta do Obradoiro, The Sefood Bar, Gadis, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia e a Cinemateca Uruguaya.

03 nov 2016 / 16:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito