Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
día das letras

Máis de 3.000 nenos de Teo, Lalín, Silleda e A Estrada no Correlingua

A cita será hoxe na capital de Tabeirós, tamén con actividades culturais ·· O CEIP Pérez Viondi participou onte no programa Letras na Rede ·· Sesión de contacontos para os cativos, hoxe na biblioteca melidense

A carreira pola lingua vivirá hoxe na Estrada unha das súas edicións máis concorridas. Máis de 3.000 escolares procedentes do municipio e doutros seis da comarca (os de Teo, Silleda, Lalín, Moraña, Caldas de Reis e Cuntis) participan dende as 10.00 nesta proposta lúdico-educativa para reivindicar o dereito a medrar en galego.

Os escolares percorrerán dende a praza da Feira as principais rúas da vila, aínda que se chove, os actos trasladaranse á zona deportiva. Os alumnos do CEIP Pérez Viondi foron onte protagonistas do programa Letras na Rede, participando por videoconferencia xunto co IES Leiras Pulpeiro de Lugo, na lectura de textos de Ramón Piñeiro. E o resto dos alumnos do centro enchían o teatro Principal nun festival das letras, centrado en cantigas e no teatro.

Tamén na Estrada hoxe terá lugar a presentación ás 20.30 horas no teatro, do novo libro de Pepe Carballude, Xograres dun tempo novo.

En Silleda, os alumnos do IES Pintor Colmeiro participan estes días na lectura de poemas e solta de globos. No Concello da Baña, o vindeiro martes 19 terá lugar a apertura da mostra itinerante Galicia Dixital, no local social de San Vicente. Mentres, na casa da cultura bañesa continúan estes días as actividades con motivo das letras, como as proxeccións ou as de animación á lectura.

Pola súa banda, o Concello de Melide continúa coa súa Semana das Letras. Hoxe, ás 10.00 horas, a biblioteca municipal Xosé Vázquez Pintor acollerá unha sesión Bicoca de boca en boca ou contos que non falten, que de- senvolverá Celso Fernández. Esta actividade está dirixida ao alumnado do CEIP Nº1.

No caso do Concello de Vedra, os actos centraranse na presentación do libro Dar e concordar na Ulla do século XVIII, que terá lugar mañá na casa do antigo xulgado a partir das 20.00 horas. A autora da publicación é Celia Alegre Maceira.

. comarcas@elcorreogallego.es

FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO

Lectura de poesías en Padrón

Dentro dos actos programados pola Fundación Rosalía de Castro para este mes das Letras, hoxe terá lugar unha xornada de portas abertas para a lectura de poemas. Con este acto, a entidade cultural padronesa quere sumarse ó chamamento internacional feito pola revista de poesía Isla Negra co III Festival Internacional Palabra no Mundo. Así, desde as 11.30 ata as 14.00 horas, o auditorio da Matanza (Padrón) permanecerá aberto para quen desexe recitar ou escoitar uns versos ben da cantora do Sar ou dalgún outro poeta. A entrada ó acto ten carácter gratuíto. A fundación obsequiará cun libro a cada participante .

Outros actos

Presentación da 'Guía de Negreira'

O auditorio de Negreira será marco mañá (20.30 horas) da presentación da Guía de Negreira, acto no que participarán Miguel Rodríguez (profesor de Historia) Paco Rodríguez (fotógrafo); Amancio Liñares (autor) e o edil de Cultura, Jorge Tuñas. Antes entregarán os premios de narrativa, pintura e fotografía.

Carlos Blanco actúa na Fundación Pondal

O tren das letras continuará hoxe o seu percorrido ás 10, 12 e 15 horas polo val nativo de Pondal, en Ponteceso. No marco do Festiletras, da A.C. Monte Branco, haberá tamén unhas xornadas do profesorado, e ás 22 horas, Carlos Blanco presentará Narración oral na Fundación Pondal.

Actos culturais no Liceo de Noia

O Liceo de Noia conmemorará o Día das Letras cun programa que comezará mañá (20.30 h) coa actuación de Mama Cabra seguirá o sábado (22.00) co monologuista Cándido Pazó e concluirá o domingo (21.00) cunha mostra de corais.

Premio para dúas alumnas estradenses

Fátima Coto e Gloria López, alumnas do IES Nº1 da Estrada, foron primeira e segunda respectivamente (coas obras Teño medo e Un corte profundo) no X Premio de Relatos Curtos e Contos Xaquina Trillo , convocado dende Vilagarcía de Arousa .

14 may 2009 / 01:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito