Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Máis de 800 auditorías do Ingacal avalan a calidade dos produtos galegos

O Instituto de Calidade Alimentaria, dependente de Medio Rural, protexe os estándares das Indicacións Xeográficas e Denominacións de Orixe Protexidas // Promove a profesionalización

Os produtos agroalimentarios de calidade galegos non chegan ás baldas dos supermercados sen máis, antes sofren un proceso de certificación e control da súa calidade que garante os estándares da Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ao que cada un pertence. Para este traballo, ademais do que realiza cada un destes entes, a Xunta de Galicia dispón dun organismo que vela pola calidade. Trátase do Ingacal, o Instituto Galego de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural. O Ingacal, naceu coa misión de promover e protexer a calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade e coordinar e promover a investigación e desenvolvemento tecnolóxico no sector alimentario. Deste xeito, potencia a investigación e cataliza esta actividade para suplir os déficits que nesta materia se poidan producir na comunidade.

Tal e como se recolle na Memoria 2012/2015 do Ingacal, no ámbito do control da calidade diferencial o instituto ofrece os seus servizos aos consellos reguladores que voluntariamente o demanden, co fin de optimizar os recursos e reducir os custos de funcionamento grazas ao efecto da escala. Así mesmo, promove a profesionalización, especialización e mellora dos servizos prestados.

No período 2012- 2015 realizou máis de 800 auditorías a envasadores e produtores para asegurar o control e certificación de 16 figuras de calidade diferenciada. Ademais, en oito delas leváronse a cabo as tarefas de secretaría e de xestión económico-administrativa. Este tipo de accións foron levadas a cabo polo Departamento de Protección da Calidade Diferencial. Según consta na súa memoria, no ano 2012 se realizaron 114 auditorías a produtores e 54 a envasadores e elaboradores; no 2013, 86 e 85; no 2014, 135 e 118, e no 2015, foron 114 auditorías a produtores e 101 a envasadores. Deste xeito, nos catro anos que abarca a memoria foron 807 auditorías en total. As tarefas de control e certificación do Ingacal abarcaron a un total de 2.193 produtores galegos e 453 envasadores e elaboradores de produtos de calidade da comunidade galega.

A través da coordinación dos centros de investigación e laboratorios dependentes da Consellería do Medio Rural o Instituto converteuse no instrumento fundamental na investigación agraria da Xunta de Galicia. Unha mostra da importancia do labor realizado e da súa vocación de servizo ao sector agrario galego son os máis de 115 proxectos de I+D+i desenvolvidos no período 2012-2015, dos cales máis do 60 % foron prestación de servizos tecnolóxicos a empresas do sector agrario e forestal de Galicia.

No ámbito da prestación de servizos ao sector agrario, os laboratorios que coordina o Ingacal realizaron un total de 1.912.336 determinacións analíticas de produtos agrarios e alimentarios. No ano 2015 conseguiuse a acreditación pola ENAC na norma UNE-EN-ISO 17025 dos parámetros básicos das análises dos viños na Estación de Enoloxía e Viticultura de Galicia, que se une así ao Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia, que conta xa con 49 ensaios acreditados.


Centros e departamentos do ingacal En canto aos organismos dependentes do instituto, están os servizos centrais, o centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que conta coa Estación Experimental de Gandaría de Montaña de Marco da Curra, a Estación Experimental Agrogandeira da Pobra do Brollón e coa Estación Experimental Agrícola de Baixo Miño. Ademais, está o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), cunha Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía en Ribadumia; o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Lafiga) e, por último, o Departamento de Protección da Calidade Diferencial (DDCF).

Produtos galegos de calidade

Denominacións de Orixe de viños galegos

A comunidade galega é famosa polos seus viños e dentro dos produtos de calidade avalados por Denominación de Orixe están os seguintes. Monterrei: ocupa as ladeiras dos montes e vales que rega o río Támega e os seus afluentes, na provincia de Ourense. Son 381 viticultores e 24 bodegas que enchen 467 hectáreas de territorio. Rías Baixas: distribuída en cinco subzonas, Val do Salnés, Condado de Tea, O Rosal, Soutomaior e Ribeira do Ulla.
Ribeira Sacra: nos terreos escarpados situados ao pé das ribeiras dos ríos Miño, Sil e dos seus respectivos afluentes. Ribeiro: na confluencia dos vales dos ríos Miño, Avia, Arnoia e Barbantiño na provincia de Ourense. Valdeorras: nas ribeiras e vales polos que corren os ríos Sil e Xares, nunha paisaxe de terras vermellas.
Ademais, sen DO, pero tamén de calidade están os Viños da Terra: son os de Barbanza e Iria, Betanzos e Valdemiño-Ourense.

Augardentes e licores tradicionais

Neste caso son catro Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) na comunidade galega. Augardente de Galicia: protexe o produto elaborado a partir de bagazos de viño dos viñedos de Galicia. O seu aspecto debe ser incoloro e tranparente nas de bagazo e ambarino-tostado no caso das envellecidas. Augardente de Herbas: feito con augardente galego e con un mínimo de tres destas herbas: menta, manzanilla, hierba luisa, romero, orégano, tomillo, cilantro, azahar, hinojo, regalicia, nuez moscada y canela. Licor de Herbas: tamén usa augardente de Galicia (un mínimo do 50 % do total), pero mezclado con alcool etílico de orixe agrícola, nos que maceran herbas. Licor Café: feito a partir de augardentes amparadas pola denominación xeográfica Augardente de Galicia ( un mínimo do 50 % do alcol total) e alcol etílico de orixe agrícola, mediante maceración e destilación de alcol mezclado con café tostado natural.

Carne de calidade: lacón e terneira

Son dúas Indicacións Xeográficas Protexidas. Por un lado está a de Lacón Galego: protexe as extremidades dianteiras do porco unha vez curadas. Os lacóns protexidos coa IXP deben proceder de porcos das razas Celta, Large White, Landrace, Duroc e dos seus cruces entre elas. Ademais, están aceptados os cruces coas razas Blanca Belga e Pietrain, de probada aptitud cárnica, sempre que interveñan nunha proporción inferior ao 25%. A segunda IXP é a Terneira Galega. É apto só o gando das razas Rubia Galega, Morenas do Noroeste, os cruces entre si e determinados cruces destas con outras razas. O gando críase en explotacións controladas polo Consello Regulador. A alimentación deberá adaptarse ás normas tradicionais de aproveitamento dos pastos de Galicia, e na suplementaria se admiten produtos como maíz, patacas, nabos, forraxes secos ou frescos e concentrados baseados en cereais autorizados polo Consello Regulador.

Queixos, fama e renome internacional

Existen catro Denominacións de Orixe Protexida (DOP). Son os de Arzúa-Ulloa, elaborados con leite de vaca, natural e enteiro, cru ou pasteurizado, procedente das razas Rubia Galega, Frisona, Pardo-Alpina e os seus cruces. A zona de producción do leite e os queixos son os concellos das comarcas de Arzúa, Melide, A Ulloa e Chantada e limítrofes. Os do Cebreiro, fanse con leite das mesmas razas nos concellos lucenses de Baleira, Baralla, Becerreá, Castroverde, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Láncara, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. Os Queixo Tetilla, co leite das mesmas razas caracterízanse pola súa forma cónica ou cónica-convexa e abarca toda Galicia. E os San Simón da Costa, co leite das mesmas razas afumados con madeira de bidueiro, procedentes da comarca da Terra Chá, nos concellos de Abadín, A Pastoriza, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Vilalba e Xermade.

Galicia verde, vexetais de premio

No caso dos produtos vexetais con IXP ou (DOP) existen en Galicia nove casos recoñecidos. Son DOP o Pemento de Herbón, froitos da especie Capsicum annuun L cultivados na súa zona tradicional. No caso das oito IXP, son Castaña de Galicia, a partir dos cultivos autóctonos galegos do castiñeiro europeo (Castanea sativa) en diferentes concellos nas catro provincias galegas. Faba de Lourenzá, fabas secas da dos concellos da Mariña lucense. Pataca de Galicia, da variedade Kennebec nas zonas de Bergantiños, A Terra Chá-A Mariña lucense, Lemos e A Limia. Grelos de Galicia, comercialízanse en fresco, conxelados ou en conserva e abarcan todos os concellos. Pemento de Arnoia, no concello de Arnoia e a parroquia de Meréns, pertencente ao municipio de Cortegada. Pemento do Couto, procedente da comarca de Ferrol. Pemento de Mougán, no concello lucense de Guntín. Pemento de Oímbra, procedentes da comarca ourensá de Verín.

Mel, Pan de Cea e Tarta de Santiago

A comunidade galega tamén rexistra outras tres IXP. Son o caso do Mel de Galicia, que abarca a todos os concellos e procede de colmeas movibles obtida por decantación ou centrifugación. Según a orixe pode ser multifloral, monofloral de castiñeiro, monofloral de eucalipto, monofloral de zarza ou monofloral de carrasca. Pan de Cea, provén do concello ourensano de San Cristovo de Cea, e só se utilizan, para a súa produción, fariña de trigo, auga, sal e fermento elaborados polo proceso tradicional, en fornos coas características típicas e específicas da zona. Tarta de Santiago, que é un doce tradicional galego, cuxos compoñentes básicos son améndoas, azucre e ovo, empregados nas proporcións e segundo as condicións que se definen neste regulamento e no prego de condicións do produto. A produción abarca toda a comunidade galega e debe ser redonda con cuberta de azucre glasé onde figurará a cruz da Orde de Santiago.

17 nov 2017 / 21:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito