Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Máis de catro millóns de euros para conservar a rede viaria

Increméntase este ano o total do orzamento da Deputación para as estradas coruñesas // Dito programa contempla traballos de mantemento, mellora do firme e reparación de baches // Búscase aumentar a seguridade

A Comisión de Vías e Obras da Deputación da Coruña vén de aprobar por unanimidade a primeira fase do Plan de Conservación de Vías Provinciais. Este ano destinaranse aos concellos de Área máis de catro millóns e, en total, o investimento aportado para arranxar as estradas dos municipios coruñeses será de 7.899.526 euros. Increméntase deste xeito o orzamento en 100.000 euros con respecto ao ano pasado, no que se repartiron 7.799.835,24 euros.

Con todo, a ratificación definitiva terá lugar no pleno provincial ordinario correspondente a este mes de febreiro. A licitación efectúase de xeito electrónico, a través da plataforma de licitación do Estado, donde se publican os pregos, os anuncios, as consultas aos provedores e o resto de trámites, incluída a adxudicación definitiva do contrato de obra.

Este programa contempla a execución de traballos de mantemento, mellora do firme e reparación de baches nos máis de dous mil quilómetros de viais cos que conta a rede da institución provincial. Así o explicou o deputado responsable da correspondente área, José Manuel Pequeño.

A finalidade de todas estas actuacións non é outra que "mellorar as condicións de circulación, aumentar a seguridade e reducir a sinistralidade", sinalou.

Esta primeira fase suporá unha inversión de cerca de catro mil euros por quilómetro destinados integramente a tareas de reparación e de posta a punto.

As infraestruturas distribúense en 36 grupos, que abarcan os distintos municipios polos que discorren. No número 14 están Melide, Santiso, Sobrado e Toques (187.381,57 €); no 15 atópanse Arzúa, Boqueixón, O Pino e Touro (262.174,84 €); no 13 inclúense Frades, Oroso, Ordes e O Pino (137.086,89 €); no 17, Carballo, Cerceda e A Laracha (405.971,93 €); no 18, Cabana, Malpica e Ponteceso (214.788,12 €); no 21 están Ames, A Baña, Negreira e Val do Dubra (224.437,30 €); no 22, Ordes, Santiago de Compostela, Tordoia, Trazo e Val do Dubra (296.560,81 €); no 25, Brión, Dodro, Padrón e Rois (244.910,61 €); no 26, Ames, Santiago, Teo e Vedra (307.312,79 €); no 34 sitúase a DP-1914, que vai de Carballo a Portodemouro (181.528,37 €); no 35, Coristanto, Santa Comba e Zas (99.331,77 €); no 19, Camariñas, Laxe, Muxía e Vimianzo (140.776,78 €); no 20, Cee, Corcubión, Dumbría e Mazaricos (173.378,30 €); no 23, Mazaricos, Muros e Serra de Outes (195.095,37 €); no 24 atópanse Boiro, Lousame e Noia (175.632,36 €); no 27 englóbanse Boiro e Rianxo (154.762,70 €) e, finalmente, no grupo 28, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son e Ribeira (450.439,06 €).

Esta última localidade é a que recibirá unha maior inversión en Área, seguida do grupo 17 (A Laracha, Carballo e Cerceda).

O PROTAGONISTA

José Manuel Pequeño Deputado de Vías e Obras "Hai un plan para limpar as marxes"

José Manuel Pequeño lembrou que, ademais do Plan de Conservación, o Servizo de Vías e Obras da Deputación coruñesa "ten en marcha un programa destinado exclusivamente á roza e limpeza das marxes das estradas provinciais" que ten unha dotación económica de catro millóns de euros. "Por primeira vez, estas tarefas son obxecto dun contrato independente, co obxectivo de mellorar e axilizar estas actuacións, nas que se inclúen a limpeza das marxes de todos os viais para, deste xeito, facilitar a visibilidade e a circulación, evitar a propagación de incendios e incrementar a drenaxe de aguas pluviais", explicou ó respecto o deputado.

{ A OLLADA }

Reducir os accidentes

Á hora de conducir sempre se insiste en que debemos ser prudentes, evitar as distraccións e respectar as normas de circulación. É certo, xa que o factor humano está presente na maior parte dos accidentes de tráfico. Pero non podemos esquecer que o mal estado das estradas tamén causa sinistralidade viaria. Un asfalto deteriorado, unha pintura desgastada ou unha iluminación insuficiente provocan graves problemas aos condutores. É por iso que este plan da Deputación é unha inversión necesaria e imprescindible para aumentar a seguridade, frear a praga dos lumes que asolan a nosa terra e drenar verquidos das augas. Ben feito.

Alba Prada

21 feb 2019 / 22:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito