Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ao longo deste ano e do que vén

'A maleta do mestre' levará por toda Galicia a figura de Valle-Inclán

Haberá un amplo abano de iniciativas literarias, representacións escénicas, ciclos de cinema, exposicións, actuacións multiartísticas, charlas e talleres, entre outros

    As principais entidades vinculadas co escritor Ramón María del Valle-Inclán promoven unha completa programación colectiva para celebrar o 150 aniversario do nacemento do dramaturgo, novelista, poeta e ensaísta. Coa proposta 'A Maleta do mestre', a figura de Valle-Inclán viaxará por toda Galicia.

    Haberá un amplo abano de iniciativas literarias, representacións escénicas, ciclos de cinema, exposicións, actuacións multiartísticas, charlas e talleres, entre outros, que se desenvolverán en Galicia ao longo deste ano e do que vén.

    Así, a Escola de Teatro Valle-Innova será a encargada de levar a figura e a obra de Valle-Inclán polas catro provincias galegas coa iniciativa "A maleta do mestre", un proxecto escénico conformado por catro montaxes teatrais que teñen como eixe central o Valle-Inclán viaxeiro.

    A proposta escénica inclúe a performance "A viaxe marabillosa. Valle estético", o espectáculo de teatro de rúa "Estacións valleinclanianas", a obra teatral de corte clásico "Que os leve ou vento" e a visita guiada dramatizada "A ruta das verbas. O Salnés de Valle-Inclán".

    Paradas de tren, portos e praias son algúns dos escenarios previstos para estes espectáculos, que chegarán dende o próximo 29 de abril aos municipios de Vilanova de Arousa, de Cambados, de Pontevedra, da Pobra do Caramiñal e de Santiago de Compostela, entre outros.

    O presidente da Fundación Valle-Inclán, José Juan Durán e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentaron este venres en Pontevedra o programa da fundación, nunha rolda de prensa que tamén contou coa participación da secretaria territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Ana Ortiz.

    UN CERTAME LITERARIO

    A programación complétase con edicións conmemorativas e iniciativas no ámbito educativo. Deste modo, sairá un novo número da colección da revista "Bradomín", que lles dará voz a novos estudosos da obra do escritor, así como a profesores de ensino secundario coa publicación de diversos traballos de investigación e divulgación sobre diferentes aspectos da figura e da creación literaria do autor.

    Tamén verá a luz a publicación dunha obra na que Javier Montañés Alonso, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, membro do Grupo de Investigación Valle-Inclán, reúne a biografía do dramaturgo completa e actualizada.

    Ademais, co obxectivo de fomentar a creación literaria, porase en marcha o I Premio Fundación Valle-Inclán, dirixido ao alumnado de educación secundaria dos municipios valleinclanianos.

    Xunto á Xunta de Galicia, promoven estas actividades os concellos de A Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa, a Asociación Amigos de Valle-Inclán, a Fundación que leva o seu nome, a Universidade de Santiago, a través da Cátedra Valle-Inclán, o Consello da Cultura Galega, o Centro Galego de Artes da Imaxen (CGAI) o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e a Deputación de Pontevedra.

    08 abr 2016 / 20:14
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito