Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
notas de actualidade

Por man propia

    Aobra 37 poemas por man propia é unha xoia bibliográfica, e poética, que acaba de alumar Manuel Antonio Piñeiro, o máis curioso, paciente e admirable dos editores de poesía. Leva o número tres da colección Bourel, da que o editor cose e engoma as tiradas, volume a volume. Neste caso, os poemas van autografados polos autores -ás veces ilustrados-, igualmente un a un, de xeito que resulta unha antoloxía de variadas idades e poéticas con calidade literaria e un engadido gráfico-estético moi superior ao dos libros seriados pola industria editorial.

    Tiven coñecemento do singular proxecto nos albores da súa concepción. Foi cando Manuel Antonio Piñeiro me fixo saber o desexo de me participar unha idea que lle andaba na cabeza e quería compartir. A través da lectura desta columniña chegara a pensar que eu podía escoitalo, comprendelo e mesmo animalo, se a cousa tiña xeito. E, tan pronto como souben en que consistía aquela idea, unha noitiña na casa de Abuín en compaña de Suso Rábade, vin a grandeza desta aspiración editorial tan pouco ao uso ao mesmo tempo que a certeza da dificultade de levala a cabo. Quen coma min pretende coidar un horto, sabe dos atrancos que se lle presentan á semente delicada ata se converter en flor e en froito sazonado. Mais os poetas responderon á xenerosidade da invitación e fixeron gala, xunto co editor, dun traballo primoroso e enfervorizado que contribúe á revalorización do libro como obxecto de arte.

    Os 37 poetas fortaleceron a súa paciencia ao repetiren cento dúas veces a obra, como se fosen copistas. Entregaron o labor no tempo sinalado e sen causar problemas. E aí están eses cen exemplares, máis dúas probas, asinados polo editor e lucindo cadanseu nome dun areal da bisbarra do Barbanza, que é onde Piñeiro traballa como profesor de historia e concibe estas ideas que parecen estar fóra do tempo. "Antonius memanibus suis fecit in fluctu maris ripariae", reza a medalla do colofón que remata cada un dos exemplares de tan singular tirada.

    Esta mesma tarde, terá lugar a súa presentación en sociedade, con recital e concerto incluídos, na Casa de Cultura de Porto do Son. Será nunha festa literaria na que tamén se presenta Voces na Materia, un libro que recolle poemas con cadansúa interpretación pictórica e que naceu do I Encontro de Creadores do Barbanza.

    28 abr 2006 / 03:21
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito