Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
TRIBUNA LIBRE

'Mandíbula': do feminino monstruoso

    tras a publicación da súa segunda novela, Nefando, Mónica Ojeda (Guayaquil, 1988) foi considerada por algún medio de comunicación como unha das escritoras referenciais do chamado "novo boom da literatura latinoamericana". Tanto a autora como a novela foron etiquetadas "ad infinitum". Algo semellante está a acontecer con Mandíbula, a terceira incursión de Mónica Ojeda na narrativa de formato longo, publicada hai poucas semanas por Editorial Candaya. Mandíbula é unha aliaxe de obras literarias e cinematográficas, así definida pola mesma escritora: "Sería unha mestura de creepypastas con Las chicas de Emma Cline e El anticristo de Lars von Trier."

    Sen censurar nin gabar, dúas operacións que nada teñen que ver coa crítica literaria, achego algúns motivos para deixarse atrapar pola maxia de esta novela. Mandíbula emboca na nómina da ricaz floración da literatura escrita por mulleres en Latinoamérica. Unha narrativa, porén, que nada ten que ver co boom dos anos 60. Na novela prodúcese un total desprazamento da retórica tropical a prol dunha aclimatación do arrepiante. Unha estética da violencia na que non se mutila a balazos. É unha violencia máis refinada: a dun thriller psicolóxico. Mandúbula é una novela de perversión adolescente que explora as relacións de poder entre amigas que asisten a un colexio elitista, e son lideradas por unha delas. Tematízanse no relato, con grande profundidade, estados anímicos como a desmesura en forma de bulling, de canibalismo que unhas alumnas púberes fan da autoridade da súa profesora.

    Co mesmo ollo clínico, relátase a ansiedade da profesora que se amosa como angustiosas congoxas e incertezas. En moi poucas ocasións se ten descrito con tanta verosimilitude a dinámica dun grupo escolar no que moitas alumnas pugnaban polo poder territorial. O sexo é unha parte fundamental desta novela. O sexo entre alumnas -ratas famentas de desexos- no colexio e nos seus domicilios. Penso que poucas escritoras e escritores poden presumir dunha plasticidade tan prodixiosa e de facer progresar a acción dun xeito ben dosificado. Xa que logo, terror e monstruosidade á medida do noso século, mais sen masoquismos, nunha trama ben ganduxada e relatada con prosas esmeradas.

    (*) CRÍTICO LITERARIO

    20 may 2018 / 21:05
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito