Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Manuel María, pedra angular da música contemporánea

O simposio sobre a súa figura na RAG lembrou onte as súas colaboracións como articulista en EL CORREO GALLEGO

A narrativa, o xornalismo cultural, a historia no teatro, a súa condición de “pedra angular na creación da música galega contemporánea”, as achegas á construción dunha educación literaria en galego e a importancia da lingua na vida, na obra e no pensamento de Manuel María foron parte dos temas abordados onte, na segunda xornada do simposio dedicado ao protagonista do Día das Letras Galegas 2016 que se celebra ata hoxe na sede da Real Academia Galega.
Camilo Gómez Torres, autor da primeira tese sobre Manuel María, abriu a segunda xornada cunha conferencia sobre a súa biografía e creación, na que falou das colaboracións xornalísticas que mantivo na última etapa da súa vida en EL CORREO GALLEGO, destacando de Manuel María a “gran valía xornalística”, así como a súa “obra poética inmensa e maxistral”, e a “excelencia da súa exemplar humanidade”.
Deseguido, o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, moderou unha mesa sobre a narrativa do escritor chairego con Mercedes Queixas, Carme Fernández-Pérez Sanjulián e Xosé Ramón Freixeiro Mato.
Queixas recordou que a obra narrativa de Manuel María abrangue máis de sesenta relatos “que nacen e medran, en paralelo, á expresión escrita máis popular e recoñecida, a poética, mais tamén á dramatúrxica e ensaística”.
Fernández-Pérez Sanjulián centrou a súa intervención nas colaboracións no semanario A Nosa Terra.
O tamén profesor da UDC Xosé Ramón Freixeiro Mato foi o encargado de analizar a lingua na vida, na obra e no pensamento do escritor, que non se limitou a dar testemuño persoal de coherencia e compromiso no uso constante do galego. Tamén se implicou na súa dignificación e normalización social e defendeu, “con certeza”, o concepto de normalización lingüística fronte ao de bilingüismo.
O escritor Henrique Rabuñal achegou unha mirada sobre a historia inserida no teatro de Manuel María a partir de tres obras de “tres momentos nos que se dirimen as liberdades do noso país: e Abril de lume e ferro, peza que evoca a revolución galega de 1846 e os Mártires de Carral; A lúa vai encoberta, na que en once escenas viaxa no tempo desde 1936 a 1977, e Unha vez foi o trebón, sobre as revoltas dos irmandiños.
A súa contribución á construción dunha educación en galego foi outra das miradas da xornada, da man da crítica e profesora da USC Montse Pena.
O músico Xurxo Souto afondou na relación que estableceu coa música. “O poeta foi pedra angular na creación da propia música galega contemporánea. Fuxan os Ventos, Suso Vaamonde, María Manuela, Xoán Rubia, A Quenlla, Milladoiro, Na Virada, Xoán Eiriz, Uxía, Magín Blanco, Fran Amil... Case un cento dos seus poemas teñen versión melódica. Moitas das pezas que máis nos prestan levan a sinatura de Manuel María”, arrincou.
Mención especial mereceu a grabación dos versos de Os soños na gaiola nun LP de Suso Vaamonde en 1978, “fito fundacional” da música infantil galega.

23 nov 2016 / 20:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito