Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

'Mar ao fondo', de Soledad Pite

Crítica de Luís Cochón

Cando nin se edita poesía, porque tampouco se vende, algúns esforzados seguen a manter coleccións, poéticas, se cadra para aquela inmensa minoría lectora que, ten con ten, adoita ser fiel ós libros de versos. “Follas Novas” que acaba de clausurar “Os libros da frouma” de grata recordación, pasados setenta poemarios nunha quincena de anos, optou agora por “Os libros do loureiro” que acolle hoxe este segundo libro de Soledad, tan traballado, maquetado e impreso, verdadeira regalía de deuses, para ter na man, para ter na vista, para acariñalo e levalo –xa que non no peto- debaixo do brazo como se levan os libros de poemas que nos acompañan de vez.

“Mar ao fondo” amosa unha escolla de refachos cambiantes, mesmo bruscos –atados en curto, a distancia na que máis se move a autora- nestas cousas (more castelao) escritas e pintadas por Soledad, poeta e pintora, que nos fai ver anacos escolleitos, na depuración dos días –tamén na edificación interior-, retrincos corcosidos, versos sangrados pola esquerda que denotan notable habelencia poética. “Mar ao fondo”, trinta e dous poemas e case que tantas pinturas a sabor.

Libro de poemas e outras feituras / de / Soledad Pite Sanjurjo / saíu do prelo / en Compostela / lonxe do mar/ un día de Santa Bárbara / con trono autumnal / no 4 de decembro / do ano 2015: así pon o colofón epigráfico

Se “De catro a catro” ven ser a antoloxía óptima de Manuel Antonio, “Mar ao fondo” retranquea os versos e as cousas de Soledad.

Máis polo miúdo: “Ese misterio”, non se sabe se é título ou só o verso primeiro (ou último) porque tal misterio tingue e cingue a flanela da nostalxia, palabra esta moi connotada no poemario. Por máis que o verselo sexa mínimo (un sexteto de base heptasílaba) para levarnos ó galano espléndido, esa luz, que nos apousenta platónica na sombra das cousas. “Exul umbra”, somos como sombras, calquera exiliado, en calquera Ponto Euxino. De que exilio provén Marisol, de verdade, cando relembra o Reino? Ese é o misterio. Porque exiliados somos todos.

Se cadra, un dos poemas mellores do libro, aparece precedido do “motto”: “E onde deixaremos as laranxas tan dondas, / tan doces, tan fermosas?” a modo de paratexto asinado por S. P. (que debe vir doutro libro anterior: “Véspera do silencio”). S. P., que responde a unha autocita de Soledad Pite. Dondas, agradable ó tacto; doces, ó gusto; fermosas, ós ollos. Sole foi aparellando unha sinestesia que non pode esquecer o don pictórico que ela ten de seu. O introito quere ser o marco que apreixe esa natureza morta, ou bodegón de froitas, tan da escola sevillana, que os ten grandiosos e que Soledad quere traer a lévedo como ofrenda ó mester de pintura que en Sevilla aprendeu ela, tal e redroma da magnolia, que se di nalgún outro lugar.

“A máis fermosa caracola que o mar deixe na area”

Caracola ou cornamusa na mallente da maré: “E o máis fermoso soño que alguén poida soñar” que nos acerca ós lindeiros da poesía, caste de saber, o poético, a poética, amor do mundo, o máis fermoso que alguén poida soñar.

10 dic 2015 / 13:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito