Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Marea de retranca na divertida 'rejata' dorneira en Ribeira

Nun portavións ou nun tendedeiro con roupa, as peñas tiraron de humor para sosterse a flote

A edición número 71 da Festa da Dorna de Ribeira xa é historia. Os miles de peñeiros que lle dan vida protagonizaron onte unha das actividades máis agardadas e divertidas: a Rejata de embarcasións feitas á machada con propulsión a pan de millo, celebrada na praia urbana de Coroso.

E, coma sempre, fixeron gala dun afinado sentido do humor con altas doses de retranca e sorna para lanzarse á auga a bordo de inxeniosas creacións.

Houbo quen fabricou un vehículo de Fórmula Un (a peña Caracolas en sirolas), quen artellou unha lancha foraborda (Bojavantes maleantes) e mesmo quen, nun alarde de ostentación, se presentou coa réplica dun espectacular portavións (Os pintos joden quintos), que lles valeu, por certo, o primeiro premio.

O segundo foi para Parrochas papudas por unha embarcación vikinga. As navallas de Palmeira fixeron unha Torre Eiffel adicada aos dorneiros polo mundo, coa que acadaron o terceiro posto.

Pero, para manterse a flote, non faltou quen arriscase cun tendedeiro cheo de roupa. Houbo tamén unha irónica alusión ao alcalde ribeirense, Manuel Ruiz, e ao que foi este ano o seu gran rival nas eleccións, Vicente Mariño: a peña Muxo beti adicoulles a súa plataforma coas súas fotos.

Nesta edición, a moitos custoulles adentrarse na auga debido á forte oleaxe, que empuxaba as embarcacións cara a area, o que os obrigou a suar as camisetas máis do previsto.

Pola noite, o desfile Top Secret e o concerto do grupo Boikot puxeron o broche final a esta cita dorneira. O ano que vén, máis e mellor.

24 jul 2019 / 20:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito