Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Marga: "Agora xa temos calma"

"Déitaste cada noite pensando como vai ser o día seguinte e esperas con angustia infinita o momento en que se perda a fala e deixen de funcionar os pulmóns"

Marga é a muller de Suso, o seu principal soporte e quen leva o groso dos seus coidados. Fala do seu home con infinito cariño e con indisimulada admiración. Marga é un fervedoiro de emocións, de ideas e de propósitos que parten dunha situación extrema e que ela canaliza cara ó compromiso e á solidariedade. O seu testemuño non elude a enorme angustia, o temor e a dor que moitas veces ten que superar e, non obstante, é un testemuño, por riba de todo, vital.

"Cando recibes o diagnóstico o primeiro que pensas é que non vas ser quen de soportalo. Déitaste cada noite pensando como vai ser o día seguinte e esperas con angustia infinita o momento en que se perda a fala e deixen de funcionar os pulmóns". Marga viu rapidamente que era imprescindible a súa fortaleza anímica, nun contexto de familia con nenos e unha situación chea de obstáculos, polo que buscou a axuda de profesionais da psiquiatría. Logo apareceu a necesidade de ver a fotografía do que ían ser as súas vidas cada día. Era preciso atopar alguén que tamén estivera pasando polo mesmo e que servira de espello. Esas persoas foron Fran e Dámaris. "Fran é un calco de Suso", conta Marga, "e Dámaris é encantadora". Foron o seu referente, "ían por diante e compartiron con nós a súa experiencia, facendo que lle perderamos o medo á enfermidade". A Marga, que fala con devoción desta parella, gustoulle coñecer a Fran, e a Suso interesáballe especialmente Dámaris: as razóns parecen obvias. Mesmo compartiron uns días na súa casa para ver de preto o día a día.

A medida que a ELA avanza vanse facendo necesarios máis esforzos de toda índole, tamén os físicos: "queres movelo ti soa a todos lados e ves que destrozas o lombo". Hai que poñerse en mans de fisioterapeutas e precísase máis axuda: outros coidadores e, desde logo, a familia, que ten que dar soporte económico, afectivo e de axuda directa na casa. Sen a familia, imposible. "É unha enfermidade da que se aprende moito, pero coa que se sofre o indecible. Traballas buscando vivir nunha razoable normalidade". No medio de tanto esforzo, Marga séntese orgullosa e feliz vendo medrar aos seus fillos a carón do seu pai: "O motor son os nenos, e finalmente, conséguese a calma", asevera.

21 jun 2011 / 02:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito