Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 27 febrero 2021
03:39
h
{ TRIBUNA LIBRE }

Maternosofía

    Varios títulos tanto en narrativa como en ensaio sobre o feito teatral e outros asentados nas fronteiras xenéricas fan que a voz aínda nova de Inma López Silva sexa arestora unha voz consolidada da literatura de noso, capaz ademais de nos ofrecer propostas literarias frescas, innovadoras e moi suxestivas, que acostuman transitar polas sendas dos discursos antitópicos e desacralizadores. Unha mostra requintada é o seu último libro, Maternosofía, unha tentativa de reflectir, desde a propia perspectiva vivencial, os temas e teimas do embarazo e da maternidade.
    A eses asuntos íntimos e persoais achégase a autora dun xeito confesional, reflectindo en forma de diario as vivencias e reflexións da súa primeira preñez e maternidade. Relato da singular experiencia verbo do que significa a preñez dunha primípara tanto a nivel físico como psíquico, co plus engadido de verse obrigada a contradicir moitas e estendidas crenzas sobre a mesma e a maternidade, que teñen máis de construcións sociais que de posicións científicas. Ao longo do diario lemos as vivencias e vicisitudes do seu embarazo, esteando a autora a súa escrita nun gorentoso e desenfadado sentido do humor.
    Mais se algo cómpre salientar neste libro son as ideas-eixo que, fundamentadas nomeadamente no sentido común, escintilan á par do relato vivencial. O que a autora chama “ideas parvas” verbo da preñez, alicerzadas en tópicos moi difundidos, como tal, que a muller non está completamente realizada sen ser nai, e que a esta tarefa ten que dedicar día e noite. Ser nai en exclusiva, “full time”.
    Con moito sentido común, non exento de información e desde un feminismo sobre todo práctico, a autora rexeita e refuta a tendencia naturalista de converter as nais en escravas da maternidade, obrigadas a parir con dor, ser nais abnegadas, a obsesión fundamentalista da lactancia natural -para a autora unha opción que a muller pode escoller ou non como dona do seu corpo-, ter instinto maternal, do que a embarazada primípara non atopa nin rastro. Endalí que a autora, que pensa que unha muller traballadora europea, cun certo grao de cultura non pode atopar a súa vocacións absoluta nesa maternidade full time, se senta unha herexe descrida, defensora, porén, da identidade que lle quere proporcionar a súa filla: non a capacidade de parir que xa ten de seu, senón a de pensar e razoar como ser humano máis alá das condicións físicas.

    Crítico literario

    05 may 2014 / 19:52
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito