Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 30 septiembre 2022
08:56
h
{ enlazarte }

O medo é contaxioso

    NON teño moi claro que nos vai deparar esta nova etapa nos Estados Unidos, pero teño claro que cada vez que penso no que pode ser (ou non ser), un calafrío pasa a través do meu corpo e déixame matinando un bo intre.
    As incógnitas son moitas. Os movementos, impactantes. Pero a realidade, neste caso, superou con creces á telerealidade á que Donald J. Trump nos tiña acostumados. Escoitar o discurso da súa toma de posesión fixo que ese calafrío do que falaba se convertise en case permanente: despois dun par de meses de contraste, de negativas frases lapidarias mesturadas con palabras positivas para o goberno saínte, o discurso do venres trouxo de novo ao verdadeiro Trump, a un home agresivo, cargado de mensaxes negativas e cunha visión de si mesmo e do mundo realmente perigosa. O respecto, a dignidade, o saber facer, deberían ser condicións sine qua non de calqueira político ou líder, pero desgraciadamente estamos a perder todos estes valores, nos Estados Unidos, en Europa, nunha infinidade de países.
    Éme imposible non falar do impacto que supuxo para mín que Trump se convertise en presidente (e de feito xa o fixen na miña columna do pasado novem-
    bro). Éme imposible esquecer a vibrante enerxía que vivín en Washington cando uns días antes da toma de posesión de Obama, en xaneiro do 2009, tiven a honra de tocar con Yo-Yo Ma e o Silk Road Ensemble nunha desas festas privadas que se fan nos días previos ao acto oficial. Alí estabamos, cada un dun país, cada un co seu pasaporte de Israel, Irán, China, Corea... e todos realmente orgullosos de poder presenciar e formar parte, aínda que fora nun acto privado, dun momento histórico liderado por un home, que a pesar dos erros, nunca perdeu os valores que o fixeron tan querido, nunca perdeu a compostura, o saber facer, o saber estar. Un home preparado.
    O venres estaba intentado traballar na casa, conectei coas noticias para ver o discurso, e despois decidín saír a dar un paseo, pois cando non consigo concentrarme pasear polo meu barrio, sen rumbo, fai que se me aclare un pouco o aturullo mental no que me meto ás veces. Saín á rúa, e sentín a mesma negatividade, o mesmo pesimismo que sentira ao escoitar a Trump. E é que as emocións son contaxiosas. O medo é contaxioso, e por desgraza o odio, os discursos agresivos que xeran medo acaban calando na sociedade. Nova York, o Village, tiña enriba esa nube triste e gris que aparece só cando hai desgrazas na cidade.
    Na tarde do venres, o ruído das sirenas da policía entrando pola ventá (moitas das concentracións anti-Trump fanse neste barrio) mesturábanse co meu desexo de descifrar como puidemos chegar a isto... e nese desexo de aprender encontrei un documental en Netflix realmente iluminador: 13th de Ava DuVernay. Recomendo a visualización aos que, coma mín, ás veces non somos capaces de ver, ou non queremos ver, como a realidade de hoxe non deixa de ser unha consecuencia máis da realidade de onte... 13th: toda unha lección de historia moderna.
    Gaiteira e pianista

    22 ene 2017 / 20:34
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito