Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Melindres de balde para os que se animen a doar sangue

    Durante a xornada de mañá e a do sábado Melide acollerá unha nova campaña da Axencia de Doazón de Órganos de Sangue (ADOS), en colaboración co Concello. A unidade móbil estará ubicada no Cantón de San Roque mañá de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e o sábado de 10.00 a 15.00 horas.

    Todos os que decidan colaborar recibirán, a cortesía do Concello, entidade responsable da organización da XXVIII Festa do Melindre, un agasallo consistente nun paquete destes tradicionais doces. O mesmo recibirán as persoas que se acheguen ata as unidades móbiles localizadas na Avenida da Mahía, en Bertamiráns (Ames) o xoves 25 e o venres 26 en horario de tarde; na Ronda de Outeiro (A Coruña) o venres en horario de tarde e o sábado de mañá; e na zona da Herrería en Pontevedra, o venres en horario de mañá e tarde e o sábado en horario de mañá. A idea é premiar a todos os doadores ao tempo que se difunde a Festa do Melindre e da Repostería Terra de Melide, que terá lugar no municipio os vindeiros días 11 e 12 de maio e que se presentará hoxe oficialmente.

    Por certo, que este é un dos concellos galegos que presenta unha maior taxa de doazón, dado que se rexistran 83 por cada mil habitantes e ano, o que supón acadar unha cifra de 615 anualmente. Estos datos duplican a media galega "o que reflexa o carácter solidario dos veciños e veciñas da vila", apuntan fontes municipais.

    24 abr 2019 / 21:20
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito