Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
extramuros

Memoria

    Aquel domingo Claudino ergueuse moi cedo. Aínda era noite cando acabou de se vestir. Colleu o chapeu, a aguillada e unha corda para prender a Xovenca. Fóra da casa, decatouse de que lle esqueceran a pistola e mailo pano. Volveu e atopou a Virxinia, a súa filla de tres anos, descalza no fondo das escaleiras. Deitouna e bicouna ollando como quedaba durmida. Meteu a Star, calibre 32, na cintura e atou o pano rubio ao pescozo.

    Aquel 2 de agosto de 1936, era feira no Tellado e Claudino Domínguez Reboredo -dos Chanqueiros de Loureiro, casado en Reádegos-, ía feirear a becerra e saber como andaban as cousas. Cando chegou, o sol quentaba coma lume. Vendeu a xata, gardou os 2.o00 reás e dirixiuse a un corro de homes que escoitaban ao señorito da Casa Grande, vestido de falanxista, falar sobre os avances do "Alzamiento". Observou que lle gardaban as costas -dous rapazotes maltrazados e cheos de viño-, riu cara a eles e, cando o señorito berrou "¡Arriba España!", Claudino ergueu o puño dereito e dixo "¡Viva a República!"; todos se revolveron nese momento. Xantou con dous compañeiros do sindicato, que o informaron do que escoitaran pola radio. E, xa de volta, comprobou que os dous individuos non lle perdían ollo. Case chegando á estrada, mudou a pistola para o peto do pantalón, empuñándoa. Avantou un portelo; nese intre resoaron os disparos. Os matós, por orde do señorito, metéronlle catro balazos polas costas. Claudino desangrouse na cuneta. A xente que voltaba da feira pasaba de par de morto en silencio e con medo.

    Ao día seguinte, levantaron o cadáver e certifica- ron: "hemorragia interna". Claudino foi a primeira víctma da barbarie na miña terra. Tiña 51 anos feitos, bo home, bo pai, bo veciño, valente e traballador. Ninguén pensou nunca en beatificalo.

    luisgtosar@mundo-r.com

    05 nov 2007 / 23:50
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito