Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Á BEIRA DO SAR

Memoria da vaquiña

    XA estamos nelas, nas e­leccións. Xa son O que arde, digamos abusando un pouco máis do título da célebre peli que, atravesando o infinito antropolóxico das nosas aldeas, vai dar no lume de Vesta do noso ser. Ese ser coma ti e coma min. Até agora en Galicia sempre ganaba as eleccións un galego coma ti, porque nos traía (ao subconsciente) a leña da lareira; e sempre perdía as eleccións un galego que nos mallaba con pau de bandeira.

    Pero o mundo vai cambiando. E nunca tan mudada nos pareceu a paisaxe electoral coma o panorama que se nos presenta desta xeira. Este fenómeno deberíano debullar os moitos titulados en ciencias sociais e políticas que dá o país, pero nos nosos campus colleitamos pouco pensamento produtivo. As letras que antes ardían e daban luz, agora semellan queimadas; só relocen en sete soles -como cantaba o vello romance- os números (sobre todo os da nómina).

    Precisamente o que se columbra na paisaxe/paisanaxe electoral son os dous grandes campos de batalla para a loita de relatos: o comunitarismo (tradicional) e o campusinado (un neoloxismo provisional mentres a ociosidade onomasiolóxica dos sociólogos non propoña un termo máis axeitado). Neste espazo complexo (trinta anos de rapañota de títulos) véñense configurando as novas identidades e pertencias, as últimas fendas marcadas polas novas habilidades cognitivas, ou sexa un enfeixado sociopolítico que agarda estudo e clasificación e no que os estrategos de campaña apenas poñen o nariz.

    A novidade destas e­leccións que veñen é que xa non é tan fácil que as gañe un galego coma ti. Porque hoxe un galego coma ti éo de moitas maneiras. "Eu somos muitos", dicía un portugués (Pessoa). Agora o que arde ten demasiados lumes que xeran unha pluralidade credencial (mesmo se ilustra de rica diversidade gastronómica) que escacha o comunitarismo que viña ardendo na tradición.

    Pero os galegos aínda recibimos a luz de lumes extinguidos. E por iso nos dan risa os políticos que só nos ofrecen bombillas, e as ministras de Madrid que nos queren distraer cos espelliños dun novo modelo de financiamento autonómico para languetarnos os 200 millóns do IVE que nos corresponden do mes dun ano de cuxo nome ben me acordo porque me canta na memoria comunitaria do que arde. A outra tribo con eses abalorios, señoras ministras Montero montesías e montaraces: A vaquiña polo que vale. Este vai ser o mellor lema electoral.

    Escritor

    14 feb 2020 / 22:14
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito