Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 26 noviembre 2022
02:00
h

A memoria dos presos pechados nos muros de Oia sae á luz pública

O mosteiro acolle ata o 15 de decembro unha exposición centrada nos anos da Guerra Civil

    Joan Salvador ten 98 anos. Desde os 50, visita o Real Mosteiro de Oia regularmente porque, di, supón un san exercicio de memoria tras pasar parte da súa vida encerrado neses muros que exerceron de cárcere na Guerra Civil. E ese exercicio de memoria non o é só para el. A estas visitas acompáñanlle os seus familiares, "unhas veces cos meus sobriños, outras cos meus curmáns porque quero que coñezan a historia".

    Fai máis de oito décadas, en decembro de 1938, deixaba a cárcere que non lembra cando empezou a habitar. O que ten moi vivos son os seus compañeiros e a convivencia humana cos seus carceleros.

    Esta e outras das vivencias de Salvador puidéronse escoitar da súa propia voz a través dun emotivo vídeo que foi acollido cun caloroso aplauso, dada a cancelación da súa visita por problemas de saúde.

    O inicio da inauguración da exposición Os presos do Mosteiro. Memorias da Guerra Civil Española, aberta ata o 15 de decembro, tivo lugar pouco antes, e correu da man da cantautora Su Garrido, que tamén pechou o evento interpretando unha canción composta por un preso do mosteiro no seu paso por este patrimonio único reconvertido en campo de concentración segundo a documentación franquista.

    Autoridades, empresarios e membros da vida social e cultural de Galicia seguiron con emoción o desenvolvemento do evento no que Xoán Martínez, director xeral de Residencial Mosteiro de Oia, dirixiuse aos asistentes para reivindicar a importancia da historia e da memoria; de dar a coñecer o que sucedeu nestas paredes ao longo dos séculos.

    Desta forma, Martínez destacou os actos de dinamización cultural que están a levarse a cabo a través de visitas guiadas, e máis recentemente con charlas, concertos e talleres.

    O fío común son os máis de 800 anos de existencia do único mosteiro do Císter a beiras do Océano.

    A mostra foi concibida como unha homenaxe á memoria dos máis de 5.000 homes encarcerados alí entre os anos 1937 e 1939, e é o resultado de máis dunha década de traballo.

    Neses tres anos chegaron ao mosteiro presos do norte, principalmente asturianos, cántabros e vascos nos primeiros anos, e cataláns, valencianos e mallorquinos nos meses finais da guerra.

    17 nov 2019 / 21:47
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito