Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 20 agosto 2022
01:00
h

Memorias

 

Chus Pato, soa como unha nube, deambula pola vida e a literatura

Neste marabilloso relato poético, a escritora ourensá conxuga memoria e imaxinación para desentrañar a esencia do ser humano, o poder da beleza, o valor da denuncia e a esperanza dunha revolución cuxas "novas non chegan". A linguaxe convértese en astuta guía que nos revela a dimensión máis pública e máis íntima da escritora. Chus Pato fala a través dun texto no que a creación non só literaria, senón pictórica, escultórica ou arquitectónica son obxecto de reflexión artística. Nomes ilustres poboan o libro e adquiren unha vitalidade inimaxinable, permitíndolle á palabra subvertir as dicotomías tradicionais e percorrer todo un mundo de "territorios mutantes" que nos falan de capital e de soños, de emancipación e liberdade, de principios revolucionarios, de xustiza, de igualdade social, e de "despotismo tecnológico". Esta colleita de pensamentos e recordos é a arma que posúe Chus Pato para resistir e enfrontarse á "ferocidade da vida" no medio dunha peregrinaxe que mesmo indo "cara a ningures", permítenos percorrer Ourense e, desde alí, visitar o mundo, até demostrar que malia a Adorno ou Steiner, si "é preciso escribir despois de Auschwitz". Sen dúbida, "un tour de aventuras" emotivo e apaixonante. / José Manuel Estévez-Saá

Chus Pato, 'Secesión', Galaxia, 2009, 134 páxs. 12 €

22 mar 2010 / 00:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito