Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Mercedes Sosa

    Vina dúas veces, na Habana, hai uns vinte e cinco anos. A primeira delas (da man de Benedetti) nun recital, case íntimo, que ofreceu na sala de actos da Casa das Américas, con cancións da chilena Violeta Parra. Era conmovedor escoitarlle Gracias a la vida. Con ela e Mario e o poeta Retamar quedamos logo de conversa. Falamos do mundo riopratense. Anisia e mais eu evocamos as nosas andanzas por terras andinas e polas serras de Córdoba. E os nosos anos de Buenos Aires. Días despois cantou no teatro Mella, e alí estivemos.

    No encontro falounos da súa infancia en Tucumán. E de cando casou e foi a Mendoza. E do seu primeiro disco, La voz de la zafra, e de Yo no canto por cantar. E do percorrido por Europa e EEUU.

    Contounos do cuartelazo arxentino de 1976 e da represión brutal deses anos, con crimes a eito. Prohibiron os seus discos e ela mesma foi detida durante un concerto na cidade da Prata. Veuse forzada ó exilio. Estivo en Francia e en España. Fala dos mortos e desaparecidos. Dos nenos secuestrados, das nais e avoas da Praza de Maio.

    Nos anos de exiliada deu a coñecer e gravou as series Serenata para la tierra e Canciones de Atahualpa Yupanqui. Díxonos que incursionara noutros xéneros sen deixar os temas folclóricos.

    Volveu á Arxentina en 1982. Cantou varias veces no Teatro da Ópera de Buenos Aires. Nun novo disco incluíu dúas cancións que quería moito: Como la cigarra, de María Helena Wals e Sólo le pido a Dios de León Gieco.

    Admira os cubanos Amaury, Silvio e Pablo. En Madrid gravou unha canción, no disco colectivo de homenaxe a Pablo Milanés, xunto con Ana Belén, Chico Buarque, Serrat, Víctor Manuel e outros.

    Sempre estivo moi vencellada a Cuba, onde se presentou varias veces. O cineasta Juan Carlos Tabio dedicoulle un documental. Dela quédannos a súa voz e o seu exemplo.

    06 feb 2010 / 21:33
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito