Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O "mestre de mestres" Herminio Barreiro morre en Santiago aos 73 anos

Profesor, escritor e articulista foi o gran teórico da renovación pedagóxica en Galicia

Santiago. Herminio Barreiro morreu onte en Compostela aos 73 anos tras unha enfermidade que o escuou ao longo dos últimos meses. Ao final, sobreviviuno o seu pai, Herminio Barreiro Calviño, de 103 anos, unha das figuras da resistencia antifascista na comarca do Salnés durante a Guerra Civil. O seu corpo será incinerado hoxe en Boisaca e as súas cinsas serán estradas no seu Sisán natal mañá luns, nun acto civil no que participarán o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, e o investigador Luís Cochón.

Home de forte "convicción marxista e inequívoco patriota galego" -como o definiu Ferrín pouco despois de coñecer o seu falecemento-, Barreiro representa ante todo o "mestre de mestres", profesor da Facultade de pedagoxía da USC onde formou nos valores democráticos ás xeracións que protagonizaron a Transición e que hoxe representan a máis lúcida vangarda pedagóxica galega. "A educación", aseguraba, "é a única arma posible".

Nado en Sisán (Dorrón, Sanxenxo) no 1937, Barreiro era fillo de mestres republicanos represaliados polo franquismo. Pasou os estudos primarios na escola que rexentaba a súa nai en Cerdedo, mentres seu pai cumpría condena imposta pola ditadura, en Pontevedra.

Aos dez anos comezou o Bacharelato no Instituto de Pontevedra, onde tamén fixo estudos de Maxisterio na Escola Normal. A finais dos cincuenta, en 1958, matriculouse en Filosofía e Letras na Universidade de Madrid, onde formou parte do grupo de renovación política e cultural Brais Pinto. Lector de Español en Francia en 1965 e 1966, e tras o seu paso por Madrid, foi profesor na Universidade de Santiago onde impartiu clases de Historia da Educación. "Foi un republicano que viviu a represión franquista desde o período intrauterino. Foi tamén un comunista, sempre cos ollos postos nun futuro mellor para os que menos teñen e máis padecen. Un home íntegro e bo. Firme nas súas conviccións, e tolerante coas do próximo", lembrou onte Narciso de Miguel, decano da Facultade de Ciencias da Educación da Coruña.

Colaborador habitual de Galicia Hoxe e do suplemento Revista das Letras desde a súa creación no 1991, Barreiro presentou en 2008 o seu libro de memorias Recordar doe (Xerais), crónica dos seus anos escolares e universitarios entre 1940 e 1965 e en palabras do director da editora, Manuel Bragado, tamén alumno seu, "un dos referentes dentro da prosa memorialística galega".

TENDENCIAS@ELCORREOGALLEGO.ES

07 nov 2010 / 01:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito