Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Milleiros de persoas saen ás rúas de Compostela en defensa da lingua galega

“Non queremos ser estranxeiras na propia patria", lema de cabeceira nunha homenaxe ós 150 anos da publicación de 'Cantares Gallegos' // Rexeitamento da política lingüística da Xunta

Milleiros de persoas participan esta mañan en Compostela nunha marcha organizada pola Plataforma Queremos Galego en defensa da Lingua e con motivo da celebración do Día das Letras.

A protesta iniciouse na Alameda Compostelá preto das 12 horas do mediodía baixo una pancarta coa mensaxe “Non queremos ser estranxeiras na propia patria", unha frase tomada dun texto de Rosalía de Castro en 'Cantares Gallegos'.Os manifestantes mostraron a súa defensa da lingua galega e expresaron o seu "enérxico rexeitamento" á política lingüística levada a cabo pola Xunta.

O presidente da Mesa e portavoz da plataforma, Carlos Callón, advertiulle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que os cidadáns galegos non están dispostos "a renunciar á súa lingua".

"Temos que lamentar, unha vez máis, que quen debería ser o defensor número uno da nosa lingua, Alberto Núñez Feijóo, continúe sendo o seu inimigo número uno", criticou Callón antes de poñer como exemplos das súas políticas "agresivas" que o galego nos medios de comunicación "estea no nivel máis baixo dos últimos 25 anos" ou que "as escolas infantís das cidades galegas exclúan o galego no 96 por cento".

Precisamente, na multitudinaria marcha na que os manifestantes camiñaron baixo a choiva, unha de consígnalas máis repetidas foi 'Nas aulas da Galiza, en Galego'. Ademais, os participantes tamén entoaron 'Aínda que se molle, o galego non encolle' ou 'Galegos somos, galegos seremos e por españois nunca pasaremos'.

PRESENZA POLÍTICA E CULTURAL

Durante o percorrido, numerosos manifestantes portaron narices vermellos de pallaso en recordo do autor ao que este ano se dedica o Día das Letras Galegas, Roberto Vidal Bolaño, entre os que se atopaban diversos membros da cultura galega, como a actriz Mónica Caamaño, o actor Ernesto Chao, o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez ou a artista Mercedes Peón.

Así mesmo, acudiron a marcha representantes dos tres grupos políticos da oposición, como o portavoz parlamentario do PSdeG, Abel Losada, acompañado polos deputados Francisco Caamaño, Carmen Gallego ou Laura Seara; o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, xunto ao secretario de Organización, Bieito Lobeira, e os deputados Francisco Jorquera, Carme Adán ou Montse Prado; e tamén o portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, Antón Sánchez ou Martiño Noriega.

En declaracións aos medios de comunicación, Abel Losada destacou que, "no 50 aniversario do Día das Letras Galegas, os socialistas galegos queren mostrar o seu apoio ao galego, ao entender que é un patrimonio de todos".

Así, lamentou que "o consenso que progresivamente se foi construíndo a través da Lei de Normalización Lingüística estea sendo destruído pola Xunta que, de forma unilateral, antepon a súa ideoloxía absolutamente excluínte á unión de toda Galicia arredor dun patrimonio fundamental".

Pola súa banda, Xavier Vence reclamou a necesidade de que o galego "teña un papel digno na sociedade e de que ocupe o lugar que lle corresponde como idioma propio dun país".

"Reivindicamos que as institucións, empezando pola Xunta, cumpran coas obrigacións estatutarias que teñen para poñer o galego no lugar que lle corresponde", expresou Vence.

Así mesmo, o dirixente nacionalista esixiulle ao Goberno galego que "dea un paso atrás na súa estratexia de agresión do galego" coa retirada do decreto do plurilingüismo e criticou a discriminación levada a cabo pola Xunta o reparto de axudas para a promoción do idioma nos medios de comunicación ao recaer "en todos menos nos que escriben en galego".

Tamén en declaracións aos xornalistas, o líder de Alternativa Galega de Esquerda, Xosé Manuel Beiras, denunciou que o de Galicia "é o único goberno na historia que emprende unha campaña de analfabetización no propio idioma do país, algo que non pasaba nin no África subsahariana cos idiomas nativos".

"Non é política lingüística, é etnocidio lingüísticidio, que lean un pouco e se decaten do que están facendo, que é un crime contra a cultura e os cidadáns", manifestou Beiras en relación aos membros do Executivo autonómico.

ACTO NA PRAZA DA QUINTANA

Tras máis de dúas horas de percorrido, a marcha secundada por miles de persoas chegou á Praza da Quintana por un percorrido distinto ao habitual que, segundo indicou a organización, debeuse á "prohibición da subdelegación do Goberno de atravesar a Rúa Nova", onde se celebrou o plenario extraordinario da Real Academia Galega con motivo do Día das Letras Galegas e ao que asistiron, entre outras autoridades, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Unha vez na Quintana, chea polos manifestantes e na que reinaba un ambiente festivo, a actriz Isabel Risco foi a encargada de conducir un acto no que a figura de Vidal Bolaño estivo moi presente e o que contou con actuacións musicais do grupo de cantareiros Maghúa ou a interpretación da 'Alborada' de Rosalía polo gaiteiro Víctor Agulló, peza que deu paso á lectura do manifesto.

"O noso idioma, o galego, é a base fundamental sobre a que nos sustentamos como pobo.Si deixamos que esa base se estrague, todo canto se apoia nela, a nosa esencia como galegos e galegas, tremerá como a terra nun seísmo devastador", reivindicou a coordinadora de Queremos Galego, Susana Méndez.

Neste sentido, sinalou que hai "motivos suficientes" para mobilizarse neste 17 de maio, como a existencia de "un goberno que en lugar promocionar e proxectar a lingua propia de Galicia, fai xustamente o contrario" ou "un marco xurídico escaso en canto á protección da lingua galega e das persoas que a falan".

Ademais, tamén criticou ao Estado que "afoga" promovendo leis "que máis parecen de tempos pasados que do século XXI, leis que insisten en relegar a lingua galega a un segundo ou terceiro plano e fan máis grande a brecha que separa en canto a dereitos ás persoas que falan en galego das que falan na lingua de Castela".

MANIFESTO

- Un goberno galego que debería promocionar e proxectar a lingua propia de Galiza, mais que en lugar diso fai xustamente o contrario, levando adiante medidas que só afondan nos retrocesos que o galego está a sofrir. Un goberno que emitiu un Decreto que mingua as posibilidades de uso no ensino a mínimos históricos desde a existencia da Lei de Normalización Lingüística.
 
- Un marco xurídico escaso en canto á protección da lingua galega e das persoas que a falan, e que mesmo así é burlado de xeito tan esperpéntico como o acaecido recentemente, cando un xuíz que declara sen vergoña ningunha incumprir a Lei que el mesmo debería facer cumprir, insiste na desvergoña conseguindo que se volva xulgar ao Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e Portavoz de Queremos Galego! por lle ter lembrado que debe respectar a Lei, ademais de facela respectar.
 
- Un Estado que abafa, promovendo leis que máis parecen de tempos pasados que do século XXI, leis que insisten en relegar a nosa lingua a un segundo, ou mesmo terceiro plano, facendo máis grande a fenda que separa en canto a dereitos ás persoas galegofalantes das que falan a lingua de Castela.
 
- Un día a día no que ben percibimos que o galego non se ten en conta, do mesmo xeito que non se ten en conta que é a lingua propia de Galiza, que falamos miles de persoas, e na que queremos vivir con normalidade. Un último e recente exemplo: agora non podemos viaxar pola AP-9 e ler as sinalizacións das peaxes en galego. O único sinal que na nosa lingua existía foi “traducido” hai escasos días.
 
- Unha lingua rica e fermosa, unha lingua coa que se pode facer ciencia e cantar, unha lingua na que podemos escribir fermosos versos, libros de matemáticas ou facturas de servizos que empregamos. A nosa lingua. Falémola, amémola, respectémola, defendámola."

Na marcha puideron verse cara coñecidas como Beiras, Yolanda Díaz e Carlos Callón, presidente da Mesa.

Este manifesto en defensa da lingua foi asinado por diversas personalidades do ámbito social galego, entre os que atopamos o adestrador Fernando Vázquez, os escritores Suso de Toro, Margarita Ledo, Bernardino Graña, Manuel Rivas, Begoña Caamaño, Marilar Aleixandre, Agustín Fernández Paz, Teresa Moure, Marta Dacosta, Xabier Docampo, Yolanda Castaño, Nacho Taibo, Pilar García Negro, Francisco Pillado e Carlos Taibo, os músicos Mercedes Peón, Uxía, Projecto Mourente, Guadi Galego, Mini e Mero, Xurxo Souto, Magín Blanco e Tonhito de Poi, os actores Chisco Amado, Isabel Risco, Laura Ponte e Quico Cadaval e o humorista Xosé Lois González O Carrabouxo.

17 may 2013 / 12:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito