Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{tribuna libre}

'Mimoun', vinte e cinco aniversario

    Dúas novelas emblemáticas da narrativa española contemporánea cumpren este ano o seu vinte e cinco aniversario. As dúas consagraron os seus autores como uns dos máis valiosos narradores da literatura española recente. Ese long seller que segue a ser La lluvia amarilla de Julio Llamazares, símbolo do éxodo rural dos anos 70, e a ópera prima de Rafael Chirbes, Mimoun, peza á que presto atención nestas parcas liñas. Mimoun acaba de ser reeditada con "honores de estrea" como manifesta o seu editor, Jorge Herralde. Mimoun non é a mellor novela de Chirbes, mais si a primeira, a que encenta un camiño balizado de grandes éxitos literarios, como as súas dúas últimas pezas: Crematorio e En la orilla.

    Xa nesta súa primeira novela, deixa sentir Chirbes os tons da súa voz narrativa: literatura intimista, introspectiva, que narra o que ve e tal coma o ve, con certos flocos expresionistas. Un realismo comparable ao que practicou Francis Bacon, tal como escribe Fernando Valls. Mimoun é hoxe un texto mítico, mítico tamén na órbita da narrativa-pesadelo, porque o Marrocos que o protagonista atopa en Mimoun, o pequeno lugar do Atlas, non é un marco exótico, senón un mundo pechado, hostil, opresivo. Unha localidade poeirenta e moribunda como Comala. Ese ambiente acubilla o principal protagonista, un español que chega a Marrocos co van propósito de rematar un libro. Porén, o que realmente fai durante o ano de estancia na vila marroquí, é establecer unha estraña armazón de vencellos tan desconcertantes como a soidade que rilla nel e nos seus compañeiros de vagabundaxes alcohólicas e de sexo sórdido, practicado tanto con chaperos como con prostitutas. Mimoun convértese así nunha rateira para os personaxes que desvarían pola novela, irremediablemente atados ao pequeno lugar do Atlas marroquí, Un lugar que escraviza e vampiriza.

    Xa que logo, novela de perdedores, de seres mergullados no mar de fondo dunha soidade interior, miserenta, desapiadada, que envolve os distintos personaxes nun frenesí do que semella que non hai forma de fuxir. Malia ser Mimoun a primeira novela de Chirbes, o lector atopará na mesma un escritor sólido, que estrutura a súa obra con poucos personaxes, que escribe cun estilo preciso, con diálogos concisos. Mais a súa é unha prosa que envolve o lector nunha atmosfera sinistra, caótica, sensual e á vez mortuoria. Todo iso fai que vinte e cinco anos despois da súa primeira edición, Mimoun siga escintilando como unha xoia literaria de desacougante primor e fermosura.

    19 jun 2013 / 20:47
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito