Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 21 mayo 2022
11:31
h

"Mocidade, velocidade e morte", os protagonistas

'Makinaria', de Carlos Negro

Despois de varios títulos pertencentes á literatura de adultos e recoñecidos pola crítica, Carlos Negro (Lalín, 1970) achégase por primeira vez aos máis novos con Makinaria, un poemario dedicado á mocidade do concello de Dodro. Ateigado de referencias musicais, cinematográficas e literarias, estrúturase en seis partes (Roedores do caucho, Need for speed, Sound Play Session, Radical fire, 061 e Game over) nas que a morte, os coches "tuneados" e a velocidade son os protagonistas.

Roedores do caucho mergulla o lectorado agardado no mundo dos mozos que soñan ser "duros e invencibles/ alleos ao tributo do destino" (p. 13) e aos que o poeta se dirixe na dedicatoria co desexo de que "cheguen a vellos" (p. [7]). As seguintes composicións detéñense na realidade de moitos deses amantes do tuning e da velocidade que non temen á morte, que se amosan indiferentes a esta e á que desafían con carreiras ilegais, mestura de velocidade, drogas e alcol, etc.

Así, Need for speed céntrase, fundamentalmente, no gusto pola velocidade, que vén suxerida tanto polo contido como pola forma. Pola súa parte, Sound Play Sesion presenta a tarde do domingo como o momento idóneo para a "excitación" (p. 25), a "aceleración" (p. 25) e para o "flipe total" (p. 25) que supón o poñer o motor á máxima velocidade, mentres que os poemas de Radical fire dan conta das relacións destes adolescentes co sexo, que ven como un "chegar e encher" (p. 37); coas mozas, ás que animan a "queimar a madrugada" (p. 45), e cos pais, que "non entenden/ que compartimos a mesma casa,/ pero non se cadra o mesmo planeta (pp. 48-49).

Poemas tan significativos como 061, Autopsia, Mamá Carme, Nota necrolóxica ou Game over, Alén City, Nevermore e This is the end forman as dúas últimas partes do poemario, as máis tráxicas quizais, pero tamén as máis emotivas. Nelas preséntase a perspectiva dos familiares máis próximos, pero tamén a conversa da Morte co falecido e, finalmente, a voz lírica de quen "coa terra por riba/ e a nada por diante" (p. 71) se dirixe a un "vós" ao que lle roga que non lle leve flores de plástico, pois agarda a calor traída nas flores naturais.

Esta obra presenta un glosario que toda aquela persoa allea a ese mundo dos coches personalizados agradece. Finaliza cun texto de Rosa Aneiros no que se fala do que é poesía e no que a escritora se dirixe ao lectorado agardado para que descubra do que trata Makinaria.

É, en definitiva, un poemario que emociona e que, malia poder resultar nalgún momento adoutrinante de máis ou mesmo quizais á mocidade dun concello máis urbano, se achega a unha temática pouco tratada nos libros para os máis novos cunha linguaxe próxima a eles, no ronsel da ben acollida antoloxía Poetízate (2006), de Fran Alonso.

marta.neira1@gmail.com

10 may 2010 / 22:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito