Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Modifican o trazado para desbloquear a autovía Palas-Melide

Adáptanse a planta e o alzado ao terreo de cara a non danar a flora // O vial previsto terá un ancho de mediana convencional // Así vaise evitar un viaduto na Serra do Careón

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda desbloquea as obras do treito Melide-Palas de Rei da autovía Santiago-Lugo (A-54). A Dirección Xeral de Patrimonio Natural vén de emitir o informe relativo á proposta de modificación do trazado en planta e alzado deste proxecto viario que vai dende o punto quilométrico 1+500 ata o 5+000.

A modificación que plantexa o promotor desta actuación consiste en abordar solucións enfocadas a axustar o trazado en planta e alzado, adaptándoo ao terreo e adoptando un ancho de mediana convencional para minimizar a súa ocupación e reducir as afeccións sobre a Zona de Especial Conservación (ZEC) correspondente á Serra do Careón.

A alternativa que vén de ser informada por Patrimonio Natural contempla: a supresión do viaduto do Careón, fundamentada nas diversas prospeccións realizadas sobre os valores naturais, que se traduce nunha redución da ocupación en planta de 18 metros, e a variación do trazado en alzado, maximizando a súa adaptación ao terreo. Debido a ambos axustes, reducirase a ocupación da autovía sobre a ZEC e inciden no deseño do viaduto do río Seco, que pasa a configurarse como unha única estrutura apoiada en pilas centrais, o que minimiza as ocupacións e afeccións sobre esta parte de dita zona protexida.

Así, esta nova opción tería unha incidencia positiva sobre as poboacións de serpentinófitos presentes no lugar, pois unha diminución das ocupacións da autovía traduciríase nunha redución das afeccións, así como nun aumento da superficie dispoñible para a posta en práctica das medidas de reforzo poboacional.


PLAN. Nese sentido, o informe tamén sinala a necesidade de extremar as precaucións sobre o medio con iniciativas para a protección da flora, polo que se elaborou para todo o tramo un plan e programa de reforzo poboacional para a reintrodución de especies de flora serpentínica afectadas dentro do ámbito da mencionada obra, onde se contempla a traslocación de individuos afectados, a conservación ex situ de xermoplasma, o seguimento e control das especies exóticas invasoras e tamén o da flora ameazada.

{ VERIMOL }

Avanzamos, e non é pouco

lémbranse cando se lanzou a idea de comunicar a capital galega con Lugo por autovía? Pois eu tampoco. Levamos tantas décadas de atraso que só se pode aplaudir un avance que semella cativo, pero que será máis que decisivo para evitar ir ata preto da Coruña e poder aproveitar o doble carreiro da A-6, evitando as estradas nacionais que dan tanta pena como vergoña. O caso é que seguimos sen tren de alta velocidade para chegar ata a meseta, e vertebramos o eixo atlántico cunha autopista de pago (e ben cara), igual que para ir ata Ourense. Visto o visto, e se os cataláns aseguran que Madrid lles rouba nas infraestruturas, de nós -por riba- rinse.

A PROTAGONISTA

Ánxeles Vázquez

Conselleira de Medio Ambiente "orgullosa como veciña e conselleira"

Ánxeles Vázquez amosábase "dobremente orgullosa, como veciña de Melide e como conselleira de Medio Ambiente", gabando a labor da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e o seu informe "relativo á proposta de modificación do trazado en planta e alzado deste proxecto viario" de cara a minimizar a afección nunha zona que ten un gran valor ecolóxico.

17 sep 2019 / 21:04
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito