Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Mónica Camaño álzase co premio Maruxa Villanueva

O xurado do galardón padronés destacou a súa interpretación en 'As do peixe" // Salientan o seu compromiso coa cultura

O premio de interpretación teatral Maruxa Villanueva, promovido polo Concello de Padrón xa ten gañador para a súa décimo terceira edición. Trátase da actriz nada en Cangas, Mónica Camaño. O xurado valorou a súa interpretación na obra As do peixe, da compañía Abrapalabra Creacións Escénicas, e declarouna por unanimidade vencedora desta edición.

Ademais, na acta do xurado valorase as súas cualidades como actriz, o seu compromiso co sector cultural e a súa sensibilidade á hora de tratar os temas nas súas obras. Todas estas aptitudes inclinaron a balanza do xurado para proclamala gañadora de entre catorce posibles candidatos propostos ao premio municipal.

O fallo dabase a coñecer onte á tardiña e trala deliberación e decisión final, foron membros do xurado quenes trasladaron a boa nova á actriz. Esta amosouse abraiada e tamén agradecida.

Mónica Camaño conta no seu haber xa cun María Casares á mellor actriz secundaria polo seu papel en Emigrados (2008), e foi varias veces nomeada ao mesmo premio como mellor actriz (a última vez en 2010 polo seu papel en Kvetch). Compaxinou o seu traballo sobre os escenarios, en espectáculos dirixidos por grandes mestres como Roberto Vidal Bolaño ou Xan Cejudo (ámbolos dous tamén foron premiados co Maruxa) con papeis en series de televisións e películas.

A actriz recollerá o premio o vindeiro mes de novembro, nun acto no que o público podrá ver sobre a escena as cualidades valoradas polo xurado. O galardón consta de 1.200 euros, diploma e busto de bronce de Maruxa Villanueva, obra do artista Camilo Seira.

O xurado estivo composto polos especialistas na materia Inma Lópeza, Carlos Caetano Biscainho, Roberto Pascual Rodríguez e Afonso Becerra. Actuou de secretaria Beatriz Lorenzo.

28 feb 2014 / 21:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito