Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Morre en Barcelona Ramón Chao Rego aos 83 anos de idade

O intelectual, escritor, músico e xornalista nacido en Vilalba era o pai de Manu e Antoine Chao, fundadores da banda de punk-rock Mano Negra

Na tarde deste domingo deixounos en Barcelona o noso prezado Ramón Chao. Para min foi moito máis que un referente, foi un amigo e un confidente, do cal aprendín grandes leccións de saber estar, na profesión xornalística e tamén na vida.

Ramón naceu en Vilalba (Lugo) en 1935 e criouse tocando o piano na pensión que rexentaban os seuspais, onde adoitaban hospedarse figuras como Álvaro Cunqueiro ou Xosé María Díaz Castro. Recibiu unha bolsa do Concello de Vilalba e outra da Deputación de Lugo, coas que se trasladou a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato.

En 1955 foi finalista do Premio Nacional de Virtuosismo e desde Madrid foise a París, con outra bolsa do Goberno español de dous anos, que completou cunha estancia similar a cargo do Goberno francés. Perfeccionou o piano con Lazare Lévy e Magda Tagliaferro, e Composición con Nadia Boulanger. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesaba hai anos nunha entrevista, “pois buscaban un locutor que soubese música e portugués”.

En 1968 foi nomeado xefe do servizo cultural en español e portugués, e en 1980, redactor xefe de todas as emisións, culturais e informativas, en ambos idiomas. Desde París sempre mantivo o contacto con Galicia, facendo unha permanente reivindicación da nosa cultura e da nosa lingua, como quedou patente no conxunto da súa obra. En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas en lingua galega, que serían prohibidas polo ditador Franco, e foi correspondente da revistaTriunfo.

Na Europa de posguerra houbo pouca xente cos accesos directos que tivo Ramón áintelligentsiade América Latina e tamén do exilio español. Pablo Neruda, Juan Carlos Onetti, Miguel Ángel Asturias, Nicolás Guillén, Alejo Carpentier, García Márquez, Cortázar -e moitos outros autores- foron para Chao a lección aprendida de cada día.

Ramón Chao foi colaborador habitual durante décadas na prensa e na televisión francesa e foi nomeado Cabaleiro das Artes e as Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario enLe Mondee polas súas colaboracións enLe Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet. Contou no seu haber con máis de vinte libros, entre novelas e biografías. Nos seus derradeiros anos, promoveu a iniciativa cultural Amigos de Prisciliano.

Chao foi o creador e impulsor do premio Juan Rulfo, un galardón outorgado por Radio France Internationale desde 1982 e coorganizado polo Instituto Cervantes de París, Casa de América Latina, Instituto de México en París, Colexio de España, Le Monde Diplomatique (edición española), Unión Latina e FondaChao.

En 2015 recibiu unha homenaxe popular en Vilalba, o seu pobo natal, cunha escultura conmemorativa –un piano de pedra denominadoPrisciliano- que quedará para sempre formando parte da paisaxe no Hectómetro Literario do Paseo dous Soños. Ramón Chao deixounos unha novela póstuma, un texto autobiográfico baixo o suxestivo títuloO Fillo Pródigo, de próxima publicación. Tamén foi coñecido internacionalmente por ser o pai de Manu e Antoine Chao, fundadores da banda de punk-rock Mano Negra. Hoxe quedámonos orfos do noso pai intelectual, perdemos ao noso amigo, con maiúsculas. Nunca te esqueceremos.

21 may 2018 / 01:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito