Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Mozos de Cee abrirán a súa mente á tecnoloxía

Alumnos do instituto Agra de Raíces acuden a unha estadía de innovación educativa

A Consellería de Educación vén de publicar a resolución dos 21 centros se­leccionados para participar este outono na Semana STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), da que tomarán parte un total de 450 alumnos (un máximo de 25 por centro) a partir de hoxe, cando arrinca a primeira quenda de estadías. Da provincia da Coruña participarán nesta experiencia 277 estudantes de 12 centros de ensino: Agra de Raices, de Cee; os composteláns Pío XII e Raiña Fabiola; Manuel Murguía, de Arteixo; Portofaro, de Cambre; Vicente Otero Valcárcel, de Carral; O Cruce, de Cerceda; Tarrío e Ría do Burgo, de Culleredo; Cruceiro de Canido e Sofía Casanova, de Ferrol; e Os Casais, de Fene.

Este campamento de innovación educativa impulsado pola Xunta está dirixido a rapaces de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO de centros públicos galegos, co obxectivo de ampliar os seus coñecementos científico-tecnolóxicos a través de estadías dunha semana de duración en réxime de internado. A actividade é totalmente gratuíta para as familias e desenvólvese nos Peares.

A Semana STEM forma parte do conxunto de accións da Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020) postas en marcha pola Consellería coa finalidade de fomentar o espírito científico e tecnolóxico entre o alumnado.

O seu obxectivo é reforzar os coñecementos científico-tecnolóxicos necesarios para dar resposta aos desafíos profesionais do futuro. Deste xeito, as estadías proporcionan un escenario propicio para desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través do descubrimento.

09 dic 2019 / 21:08
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito