Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Muere Marcos Valcárcel, gran dinamizador de la cultura

O escritor será incinerado mañá nun acto íntimo e as súas cinsas, polo seu desexo, serán aventadas a próxima primaveira en Fisterra

Durante os últimos anos, desde que a enfermidade o postrou nunha cadeira de rodas, puidemos seguir os seus pasos a través do blog As Uvas na solaina, auténtico testamento cotiá de Marcos Valcárcel, un home que dedicou a súa vida á seguir as pegadas do galeguismo a través do espello irisado do seu Ourense natal.

Onte, contra o mediodía, no mesmo día do cabodano do seu pai Marcos faleceu tras unha longa enfermidade. Fora ingresado soamente unhas horas antes no hospital tras "unha recta final durísima" subliñaba onte Alfonso Monxardín, amigo e compañeiro en múltiples travesías.

A capela ardente quedou instalada no Tanatorio das Burgas de Ourense onde permanecerá hoxe todo o día e alí será incinerado mañá, ás dez, nunha cerimonia que a familia quere manter na máis estrita intimidade.

Mañá tamén, o Liceo ourensán, espazo que acolleu numerosas das súas conferencias, servirá de marco a un acto laico no que se lerán poemas, pero "Unha cousa moi discreta. As homenaxes, xa llas deron en vida". As súas cinsas serán aventadas, como el desexaba, a próxima primaveira no Cabo de Fisterra.

Colaborador de GALICIA HOXE, onde ocupou durante anos a opinión da contraportada, Valcárcel converteuse nas últimas décadas nun dos máis aprezados activistas culturais do país. Boa proba dese aprezo foi a sucesión de xestos de recoñecemento que se desenvolveron a partir do ano 2008, cando se difunde a noticia de que padece unha Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), enfermidade que o foi inmovilizando pouco a pouco.

Perfil. Nacido en 1958 en Ourense, doutor en Historia e catedrático en Literatura e Lingua galegas, a paixón de Valcárcel foi sempre a prensa, eixo de varios dos seus traballos e dalgúns dos seus libros. Títulos como A prensa en Ourense e a súa provincia. Catalogación e estudio (1987) ou Pé das Burgas. Estudios de historia, literatura e xornalismo (1998) amosan un interese que estendeu tamén ao periodismo de opinión durante décadas.

Adiantouse mesmo aos seus contemporáneos co seu blog As uvas da solaina, polo que recibiu o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Este espazo virtual serviu como centro de debate para centos de persoas que querían enterarse do que pasaba "por unha das cabezas máis dinámicas do país: alí encontrabámonos todos", salienta Monxardín.

As uvas da solaina, que aínda ao longo destes últimos meses foi pendurando textos de Válcarcel, pechouse oficialmente en maio deste ano cunha entrada que o historiador puido escribir gracias á axuda de Juan Fonseca. Na súa última entrada, lembraba o apoio de institucións e amigos que o foran acompañado polo tránsito doloroso da enfermidade, incluído o agradecemento a Xosé Luís Baltar por defender con éxito a súa candidatura ao premio Otero Pedrayo 2008, e á Presidencia da Xunta por concederlle a Medalla Castelao 2009.

tendencias@elcorreogallego.es

05 dic 2010 / 23:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito