Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O mundo fóra de mapa. Unha novela de intriga

Emilio Fonseca Martín (Ourense, 1978) é un debuxante licenciado en Comunicación Audiovisual. Fundou conxuntamente con Xiana Gómez Díaz unha produtora chamada Walkie Talkie Films. Co-dirixiu a serie de documentais musicais coñecida por Tallers Sonors desde o ano 2008 ao 2011 e dirixiu en 2012 para a TVG o programa documental Queimar ou Monte. En 2016, a súa obra Fóra de Mapa foi recoñecida como gañadora do XI Premio de Banda Deseñada Castelao da Deputación da Coruña. Fóra de Mapa (Deputación da Coruña, 2017) é unha novela gráfica ambientada na Venecia de finais do século XV, nunha Europa convulsa e en plena transformación. Nela abórdanse cuestións xeopolíticas como a escravitude, o comercio internacional e o reparto de poder. Tamén podemos apreciar sentimentos de desamor, de amizade e de avaricia. Todo iso está descrito ao redor duns cartógrafos, da súa profesión e da importancia que ten rexistrar o mundo coñecido e o que quedaba fóra do mapa, na Europa do século XV.
Destaca especialmente o xeito en que o autor xestiona o comezo da novela a modo de prólogo cun asasinato que semella apuntar a unha traizón; con isto xera, xa desde o principio, diversas emocións nos lectores, pero, sobre todo, intriga; unha temática que permite enfocar a obra cara a un público xuvenil e adulto. Respecto do grafismo e dos debuxos, esta novela preséntase nunhas viñetas de estilo clásico, cunhas ilustracións realistas acabadas en tons tostados, que axudan a centrar a narración. Estas tonalidades achégannos a unha historia do pasado. Outro aspecto salientable é a expresividade que aporta a mestura de trazos grosos e finos nos debuxos. Ademais, o autor puxo especial énfase ao definir os primeiros planos de xeito máis detallado, logrando así a sensación de profundidade que teñen algunhas viñetas. As imaxes son moi variadas: hai planos panorámicos que describen a cidade, escenas de interior que mostran as estancias dos fermosos palacios, primeiros planos das figuras e planos que se achegan aos rostros e amosan as emocións dos protagonistas. Ademais a presentación en pequeno formato fai cómoda a lectura. Sen ningunha dúbida, a conxunción de todos os seus elementos logra establecer unha harmonía que atrapa poderosamente a atención dos lectores, mergullándoos na esencia da historia. En definitiva, tras a lectura ponse de manifesto que Emilio Fonseca ten un indiscutible talento para a narrativa a través da banda deseñada. mariavidal@usal.es

28 ago 2017 / 18:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito