Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 30 mayo 2020
03:04
h

Música e danza alumean o Auditorio de Galicia nun concerto vibrante

A Orquestra do Conservatorio e a Escola Dancenter Gala engaiolaron coas súas interpretacións de Falla, Granados, Shostakovich e Tchaikovsky

    Foi unha hora emocionante, repleta de sensibilidade e luz musical. As notas dos instrumentos das mozas e mozos da Orquestra do Conservatorio de Santiago encheron a sala grande do Auditorio de Galicia e serviron xenerosamente á causa da danza posta en escea polas bailarinas de Dancenter Gala. O concerto, este domingo, que tamén quería axudar a financiar a viaxe a Estrasburgo dos alumnos e alumnas da orquestra, deixou moi satisfeitos aos aproximadamente 500 espectadores que encheron o módulo central do enorme salón, un público que correspondeu con agarimo e aplausos o esforzo e a entrega dos músicos, dirixidos por Carmen Ferreiro, e das bailarinas responsabilidade de Gail Brevitt.

    O inicio foi toda unha declaración de intencións. Alegría e brillo desde a peza 'Croesus', de Reinhard Keiser. Violíns vivos e exaltados espallando os aires do barroco máis expresivo. Despois, Granados e Falla, nunha selección de temas audaz e excitante. 'El sombrero de tres picos' e especialmente 'El amor brujo' soltaron a súa carga inquietante sobre un público expectante. 'Over the Rainbow' e o vals de Shostakovih serviron de tránsito, sublime e recollido, cara ao momento da danza. Increscendo e sen pausa, o auditorio foi saboreando melodías repletas de música moi coñecida e celebrada, interpretada con moito acerto pola Orquestra Sinfónica do CMUS.

    Finalmente, Tchaikovsky, valor seguro. Con el entraron en escea as bailarinas e pechouse o círculo da sensibilidade. Nenas de diferentes idades voando sobre a tarima e vestindo con elegancia e con gracia as notas do espectacular 'Crebanoces'. A música, máis adornada daquela, pechou a noite co 'Vals das flores', nun final vibrante que deixou, sen dúbida, un emotivo sabor.

    04 feb 2019 / 13:21
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito