Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ enlazarte }

A Música dos Expatriados

    PODER estar presentando unha película dirixida polo gañador dun Oscar, e baseada no poder e a importancia da cultura nos tempos que corren é coma un soño que se fixo realidade. Estiven catro días na Berlinale presentando o documental The Music of Strangers de Morgan Neville, e aínda que agora escribo dende o océano Pacífico a 28 graos centígrados (hoxe toco en Santa Barbara, California), a memoria máis poderosa deses catro días non son as alfombras vermellas, nin os traxes, nin o luxo desmedido do mundo do espectáculo, nin as caras coñecidas.

    Queriamos facer algo especial, queriamos que o que se conta no documental se fixese tanxible, queriamos sorprender ás mil seiscentas persoas que acudiron á estrea da Berlinale. E creo que o conseguimos. Eu mesma podía escoitar as bágoas no meu camiño ao escenario xusto despois da proxección.

    Kinan Azmeh, un dos coprotagonistas do documental, e mais eu, comezamos unha conversa co persoal da Berlinale hai algúns meses. A Berlinale quería unha actuación sorpresa despois da premiere e quería que colaborásemos con "strangers" de Berlín… sen dúbida un xesto bonito. Pero o clarinetista sirio Kinan Azmeh suxeriu contactar coa Orquestra Filharmónica de Expatriados Sirios en Alemaña, e con ese xesto empezamos unha conversa que rematou cun dos mini concertos máis emocionantes e intensos da miña vida. Completamente descoñecidos para mín, coñecín a estos músicos persoalmente vintecatro horas antes do concerto. E aínda que foron días longos, a falta de horas de sono roubadas para poder facer un ensaio nocturno unha vez rematadas a proxeccións foi compensada cunha experiencia que espero poder repetir.

    A Orquestra Filharmónica de Expatriados Sirios (Syrian Expat Philharmonic Orchestra) está baseada en Bremen, Alemaña. Fundada hai tres anos polo baixista sirio Raed Jazbeh, o proxecto naceu coa idea de reunir aos músicos refuxiados sirios en Alemaña, moitos deles antigos membros de afamadas orquestras en Damasco e Aleppo. Coñecer a Raed e traballar cos seus músicos foi para mín máis significativo que o feito de que estivésemos nun dos festivales de cine de máis sona do mundo. Coñecer o que fai esta orquestra, o que lles costa loitar contra os estereotipos que se están a crear hoxe en día sobre os sirios, o que lles costa sobrevivir ou incluso manter a paz entre os propios membros da orquestra; coñecer todo iso, de primeira man, é a experiencia que me levo da Berlinale.

    Non vos nego que me sinto incríblemente afortunada, o camiño desta película acaba de comezar, pero se cada unha desas experiencias do mundo do espectáculo as podemos complementar cunha mensaxe forte e poderosa, como a que transmitiron estes músicos refuxiados dende o escenario, entón o obxectivo está cumplido. O público saíu da sala emocionado, a combinación de forzas dun documental cheo de mensaxes sobre o poder da cultura e do intercambio cultural, e a proba, en vivo, de que a música é unha ferramenta social e de cambio incríblemente poderosa: o obxectivo foi cumprido.

    Para os curiosos, o concerto sorpresa está na canle de YouTube da Berlinale baixo este título: The Music of Strangers: Yo-Yo Ma and the Silk Road Ensemble" | Concert.

    Gaiteira e pianista

    21 feb 2016 / 21:28
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito