Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Marisa Castro Cerceda / Bióloga. Profesora da Universidade de Vigo

“Na miña casa hai persoas, non homes e mulleres, cos mesmos dereitos e os mesmos deberes”

Naceu en Lugo (1955), filla de labradores, galego falante e pensante. Asistiu sempre ao ensino público, no que traballa atualmente como profesora titular da Universidade de Vigo, facultades de Bioloxía e Ciencias do Mar, desde o ano 1990. Casada e nai de dous fillos.

    Doutora en Ciencias Biolóxicas, investigadora en macromicoloxía: participa en diversos proxectos de investigación, cinco especies novas para a ciencia e algo máis de dúas centenas de artigos científicos e colaboración en congresos, dirección de teses de doutoramenteo, licenciatura, proxectos fin de carreira... Asesora científica da empresa MycoGalicia Plantae, spin off da Uvigo. Divulgadora científica con 30 libros publicados, relacionados coa botánica e micoloxía, así como diversos artigos en revistas e xornais.

    Acaban de celebrarse eleccións municipais, con cambios significativos en moitos municipios. Considera que para mellor?

    Procuro ser sempre positiva, polo tanto considero que non retrocederemos, xa que non me gustan os populismos, nin tampouco os extremismos, aínda que, nestes resultados, boto de menos algo máis de conciencia nacionalista.

    Por outro lado, o bó que ten a democracia é que se elixen só para catro anos, polo tanto, se os eleitos non o fan minimamente ben, na próxima vez, «outro galo cantará».

    En que medida inflúe unha nova etapa municipal na vida dos veciños?

    Inflúe na medida do que estes responsablemente esixan e no que os seus representantes municipais fagan o posible por mellorar a vida dos cidadáns e das cidades, das vilas e das aldeas.

    Se os políticos non se consideran capaces de cumprir o prometido e lutar polos viciños aos que representan e estes miran comodamente para outro lado, cada un que apande co que lle corresponde.

    As mulleres teñen cada vez máis protagonismo en todos os ámbitos. Percíbeo vostede na súa profesión?

    O problema esencial da desigualdade é o cinismo da población, porque coa boca grande todos somos feministas, pero no dia a dia cando unha muller comete un erro, aínda se ouve aquilo de «mulher tiña que ser». As actitudes delatan, confirman, que aínda hai moito camiño por andar.

    Na investigación e no profesorado hai moitos anos que o sexo feminino está ben representado, e polo menos en sueldos e horarios, na universidade, non se nota diferencia; mas, en relación ao desempeño de cargos aínda falta moito por facer, vai mellorando como nos outros campos, seguro, pero lento.

    Con todo, aínda se escoitan moitas queixas sobre as dificultades que deben superar fronte ao teórico dominio dos homes. Que fai vostede para vencer eses obstáculos?

    De toda a vida, considérome persoa, non muller, preocúpome do meu traballo e non dou importancia ás opinións masculinas nese sentido. Na miña casa hai persoas, non homes e mulleres, cos mesmos dereitos e os mesmos deberes. Debín ter unha boa escola, xa que como son filla de labradores e na casa todas, a excepción do meu pai, eramos mulleres, había que saber e «poder» facer de todo. Alí non había masculino, nen feminino. Habia unha loita pola supervivencia.

    Excepcionalmente só recordo unha vez, xa licenciada, nunha acampada para recoller material de investigación, que me sentín discriminada por razón de sexo. Na liña de sempre, bastou facer os mesmos traballos que os «machos alfa» que me acompañaban para deixar de ser considerada diferente.

    Cre que este é o século das mulleres, liberadas, sen complexos, triunfadoras?

    Si e non. Considero que hai moitas mulleres que non entenden ben as palabras liberación e complexo, e outras, demasiadas, son sometidas e discriminadas por razón de sexo. As cousas cambiaron no último medio século, pero se non houbera «complexos sociais» e moito que facer pola auténtica liberación non estariamos a falar deste tema, e a violencia doméstica non sería noticia cada día. Algunhas mulleres conseguen chegar a onde queren, mas iso só ocorre en certos estamentos e institucións.

    Un tema recorrente é o que se refire aos problemas de conciliación familiar e flexibilidade no traballo. Como o ve?

    A flexibilidade no traballo, a conciliación familiar ten que ser igual para homes e para mulleres. Por que a muller e non o home? Ata que se comprenda que non pode ser doutra maneira, o problema da discriminación por sexo estará presente. Ao longo desta conversa é fácil comprender que falta muito para chegar á igualdade sexual e social.

    Cre que, como indica unha recente enquisa, os mozos de hoxe vivirán peor que os seus pais?

    Creo que foi o filósofo Sócrates o que xa pronosticaba que o mundo ía para peor e véxase a realidade e para onde evolucionou. Estou confiante que a vida en gris de hai medio século atrás non volverá. Considero que, en liñas xerais, non será peor, pero sería bo responderse, que é vivir peor?

    Son doutora en Ciencias Biolóxicas e cando acabei os estudos reglados ninguén me veu buscar á casa, tive que sair eu. Continuar a formarme e buscar a vida, loitar por chegar a ter o que hoxe teño. Vivimos unha carreira de fondo.

    Son dunha época na que había que explicar para que servía a Bioloxía, só aos 34 anos me incorporei á universidade como axudante, ganando escasamente para vivir. Antes dera clases particulares, traballara facendo informes para institucións que pagaban o que querían... Non tiña capacidade para ter coche, nin casa propia, nin viaxar, nin saía todos os fins de semana... Que é vivir mellor?

    Cada época ten as súas propias complicacións, insisto, a vida é unha carreira de fondo. Sinceiramente, non considero que calquera dos meus alumnos e alumnas o teña máis complicado.

    Que se pode facer nun mundo tan desigual con millóns de persoas desnutridas, desprazadas, que se arriscan a perder as súas vidas para chegar a Europa e cada vez enfróntanse a máis rexeitamento social?

    É difícil intentar dormir tranquilo e apagar un pouco a conciencia. Para botar balóns fora diría que é un problema dos gobernantes, dos políticos, porque son os únicos que poden facer algo; pero isto hoxe xa non vale ao 100%, estamos en democracia, somos nós quen os votamos, por iso nos representan e deben intentar desenvolver aquilo que lles pedimos.

    A desigualdade social é um problema complexo, a nivel persoal pouco se pode facer, pero aínda así, debemos esixir máis para que se tomen medidas e se aporte algo máis diñeiro dos presupostos para estes temas, aínda que eu conformariame con que os gobernantes se deixaran de demagoxias e se tormaran en serio o problema, aínda que os paises máis poderosos do mundo só estexan a perturbar. Neste tema si son pesimista.

    En que orde de preferencia situaría familia, profesión, estudo, relevancia social ou amigos?

    Indiscutiblemente o primeiro é a familia, o máis importante da vida e a estas idades, a que eleximos; lgoo a profesión, o que me da máis satisfacción no día a día e me permite vivir; os amigos, imprescindibles para disfrutar os bons momentos e superar os malos, o estudo, necesario para conservar a coherencia e estar no mundo, «mente sana in corpore sano», e, por último, a relevancia social, os recoñecementos son tan efémeros, que non vale a pena loitar por eles.

    Algunha persoa tivo influencia en momentos clave da súa vida?

    Considero que o que diga o contrario é un prepotente. Evidentemente foron moitas as persoas que influíron. Primeiro, a miña mai que me deu a vida e fixo un grande esforzo para que eu puidera estudar. Entre o resto, destaco unha muller e dous homens.

    A irmá de meu pai, Marina, muller libre e defensora dos seus direitos xa nos anos 50; entre os magníficos profesores e profesoras de bacharelato (docentes e decentes) destaco a Antonio Palop, que me despertou ao mundo, facendome ver que a cidade onde estudaba (Lugo), non era o centro do mundo e que só asistindo á universidade sería capaz de ser unha muller autónoma e libre e xa na vida universitaria, Luis Freire foi todo para min, mestre, compañeiro e amigo, un exemplo de vida e, se me apuran, de morte.

    Dentro das súas responsabilidades profesionais, en que proxecto está centrada agora mesmo?

    O meu proxecto de vida desde que estou na Universidade de Vigo céntrase en dous apartados, por un lado a investigación en micoloxía (cogomelos) co fin de intentar coñecer mellor eses organismos no noroeste da península e conseguir o seu aproveitamento de forma sostible. Xunto co meu grupo de investigación creamos unha spin-off, MycoGalicia-Plantae, para intentar que a poboación en xeral teña unha boa formación neste tema e para axudar a que as persoas do rural poidan aproveitar mellor este recurso desde o ponto de vista forestal.

    E, por outro lado, a formación dos meus alumnos. Son unha docente vocacional e intento facer todo o posible para que salgan preparados ao mundo en botánica e micoloxía, aportando, se eles se deixan, algunha formación humana e humanística.

    Cal é o mellor consello que recibiu e de quen?

    Son como unha esponxa, a formación dos meus pais era escasa, así que tiven que aprender da vida. Aínda hoxe, oigo, analizo e quédome con aquelo que realmente considero me pode ser útil. Non podería mencionar un único consello, foron tantos, tantos, algúns de forma consciente e outros sen sabelo.

    marisa castro CERCEDA Bióloga. Profesora da Universidade de Vigo

    06 sep 2019 / 23:22
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito