Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
notas de actualidade

Na tomba de sir John Moore

    A Concellalía de Cultura do Concello da Coruña celebrou o Día Mundial da Poesía coa presentación dunha xoia literaria: o poema Na tomba do xeneral inglés Sir John Moor morto na batalla de Elviña (Coruña) o 16 de xaneiro de 1809. A autora deste fermosísimo texto é Rosalía de Castro, que fixo en Follas novas un canto ás cinzas dun estranxeiro, acollidas na terra en que atopou a morte. Tamén está dedicado a outra estranxeira: "Á miña amiga María Bertorini,/ nativa do país de Gales. Coruña, 1871".

    É unha composición insólita na produción rosaliana, suxerida por un acontecemento histórico e escrita tantos anos despois de suceder. Un poema que non enaltece a quen gañou a guerra, senón a quen perdeu a vida. Un canto que dá valor ao recordo e non á gloria, e que ensalza a Galicia, que sabe dar honra ao vencido, que ademais é forasteiro. "Terra fidalga é nosa terra ?tanto/ cal linda Dios a quixo dar?; ben sabe/ honra faser a quen merece honra,/ i honrado así, cal mereceu, foi Moore". Unha creación feita coa distancia que permite ver a terra propia como allea. "¡Pateu, parteu?! E non tornou, que a morte/ segouno alí nos estranxeiros campos,/ cal frol que cai onde a semilla súa/ terra n'atopa en que arraigar poidera". E un poema tan pouco funerario que o morto non padece a soidade e a tristeza do cemiterio senón que sente como segue a vida. "Que ti n'escoitas en jamás, ¡ouh Moore!,/ choros amargos, queixumbrosos rezos,/ ni os outros mortos a chamarte veñen,/ pra que con eles na calada noite/ a incerta danza dos sepulcros bailes". A publicación, moi coidada, consta do texto como libro exento con láminas das artistas Julia Ares, Carmen Chacón, Dorda, Yolanda Ferrer, Dolores Gálvez, Soledad Penalta, Ánxeles Penas e Carmen Senande. Inclúe tamén unha gravación do poema rexistrada nos anos oitenta pola voz personalísima de Antón Avilés de Taramancos.

    A proposta da Fundación Rosalía de Castro, a concelleira María Xosé Bravo acolleu este proxecto e levouno a cabo para unha dupla conmemoración. Por un lado, un acto enmarcado no bicentenario da Batalla de Elviña e por outro, a celebración do día Mundial de Poesía, que a Unesco ten recomendada ás diversas institucicións. O acto de presentación de libro tan singular contou cun recital de poesía, no que varias poetas puxeron a súa voz a versos propios e a versos rosalianos.

     

    26 mar 2009 / 21:22
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito