Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Nace InvestiGal, a Rede Galega pola Investigación, para dignificar a I+D+i

Loitarán polo sector e porque se recoñeza a súa profesión, con estabilidade e igualdade

    Santiago. Catro anos terá que agardar para celebrar un aniversario a InvestiGal, a Rede Galega pola Investigación, que se fundou este pasado 29 de febreiro en Santiago tralo cónclave de medio centenar de persoas provintes do sector investigador de toda Galicia.

    Compartiron inquedanzas sobre a precaria e inestable situación actual do I+D na comunidade e actúan para artellar un novo espazo que loite polos intereses e dereitos do colectivo investigador. Explican nunha nota que InvestiGal nace coa vontade de aglutinar a pluralidade de perfís relacionados co sector (persoal investigador, técnico, xestor, docente) dos diversos centros de coñecemento (universidades, centros superiores e organismos públicos de investigación, hospitais, fundacións, etc.).

    Após unha longa xornada de traballo e debate, establecéronse unha serie de liñas programáticas básicas, que van de dignificar a carreira investigadora, non so con recoñecemento do seu labor, tamén fomentando a súa estabilidade e continuidade laboral. Tamén houbo acordo na defensa da igualdade de xénero e na implementación de medidas que rachen co teito de cristal e os obstáculos aos que se enfrontan as investigadoras.

    InvestiGal considera de máxima urxencia que o Goberno galego supere o atraso económico ao que está sometendo á sociedade e se coloque á vangarda internacional, entendendo a investigación como un motor de enriquecemento do país.Para iso, o colectivo exixe máis investimento, mellor xestión do mesmo, e regularidade e transparencia nas convocatorias públicas de contratación.

    MAL DATO

    0,94 por cento é o peso que ten no PIB o investimento de Galicia en I+D+i, recorda InvestiGal, mentres que a media europea está no 3 %. Demandan un pacto social e vontade política, máis aló de quen presida a Xunta, para acadar os estándares europeos en investigación.

    01 mar 2020 / 21:32
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito