Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 16 mayo 2022
11:41
h

Neira Vilas xoga a través das palabras co poemario infantil ‘O xardín de Irene’

O volume, ilustrado por Leandro Lamas, foi presentado onte en Santiago

    Santiago. O escritor de Vila de Cruces Xosé Neira Vilas presentou onte en Santiago o seu libro de poesía infantil O xardín de Irene, unha obra inspirada nunha nena da súa familia e coa que este recoñecido autor confesa "xogar a través das palabras".

    Con este novo libro ilustrado por Leandro Lamas, o artífice de Memorias dun neno labrego asegura sentirse realizado, seguindo a tónica de culturas como a sueca ou a eslovaca, nas que os creadores non consideran terminada a súa obra ata deseñar algo para os máis pequenos.

    Neira Vilas confesou a Efe na presentación pública deste novo traballo seu que para "escribir para nenos hai que poñerse á súa altura e medir cada palabra" ata alcanzar o "equilibrio" perfecto a nivel léxico, polo que o escritor asegura que "é moito máis difícil escribir para o público infantil".

    Un público, no entanto, polo que di sentir "especial tenrura" e ao que dirixe a súa nova creación para "darlles palabras en idioma galego" desde o berce, co obxecto de que ao crecer sigan querendo ler na lingua de Galicia, e especialmente en verso, un ritmo que lles gusta moito" aos máis pequenos, sinalou.

    O xardín de Irene

    conta tamén cuns debuxos "feitos con graza" por Leandro Lamas, a quen Neira Vilas tiña claro desde o primeiro momento que debía encargarse de aportar o toque animado e a funcionalidade comunicativa da arte realizada especialmente para nenos.

    Pola súa banda, Lamas sinalou recibir con gran "ilusión" e como algo "impresionante" este encargo, no que quixo quedarse "coa esencia" do que transmiten os poemas para reflectilos de forma gráfica.

    O libro editado por Embora e dirixido a un público infantil de entre sete e oito anos non vai ser o último de Neira Vilas, quen asegurou, cun sorriso inundando o seu rostro, que seguirá escribindo para os nenos e nenas "ata que poida".

    17 abr 2015 / 21:59
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito