Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{crónicas invisibles}

Os netos da guerra (in)civil

    Son un dos netos da guerra (in)civil. O meu avó tamén estivo alí. Na fronte de Asturias. Coma moitos dos novos/vosos avós. Dos que andamos por esa "idade media" dos 40 aos 50 anos. Faleceu en Lugo nun outono de 1989 e nunca falou daqueles 24 meses fóra da casa. Só me dicía, cando eu era neno e teimaba nas preguntas, algo moi sinxelo e contundente: "Molleume moito, e pasei moito frío. Ti nunca te molles, neno, que despois che doen os ósos". Meu avó materno, Ramón Casas López, natural de Teilán, no val de Lemos, loitou no bando de Franco. Tocoulle o bando de Franco. Tampouco falaba de política. Xamais. Hoxe lembro, del, dous xestos vitais moi concretos: nunca o vin con gravata, nin nos actos máis "solemnes", e nunca falaba en castelán. Eu, de neno, pensaba que non sabía. Nin falar castelán nin facer o nó das gravatas...

    Meu avó non quería falar da guerra. Eu enténdoo. Pero os netos xa podemos facelo. Debemos facelo. Os netos xa non estamos mancados por todo aquilo. En nós non vai haber desquite, ninguén vai vingar nada. Aquel frío do meu avó, que tamén sentiron os fillos dos homes e mulleres da guerra, nós penso que xa non o temos. Por iso podemos e pedimos coñecer a fondo aquela tolemia, con todas as súas escalas de grises. Para poder comprender. E para facer iso que se chama "reparación". O primeiro e máis importante: enterrar dignamente ás miles de vítimas do franquismo cuxos corpos xacen aínda en fosas comúns.

    Mañá mércores ás 20 horas preséntase no Paraninfo da USC o libro Fernando Alsina e o seu Diario de guerra, unha publicación na que teño a sorte de ser o editor, preparada polo especialista Ricardo Gurriarán. Fernando Alsina, destacado médico compostelán, afín ao galeguismo dos anos 30, participou como cirurxián na fronte de guerra no bando franquista, e deixou escrito un diario de todo aquilo. O libro xa é público, para a reflexión e para o debate.

    Cúmprense oitenta anos daquela desgraza, dese "pasado incómodo", como o define, no limiar, o historiador Lourenzo Fernández Prieto. O franquismo "gobernou a memoria" e despois foi a Transición. Agora tócanos ás netas e aos netos da guerra debater, coñecer... e pechar de seguido, dunha condenada vez, ese gran burato. Vai sendo tempo.

    EDITOR E XONALISTA

    10 nov 2015 / 08:46
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito