Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

No mar de Arousa

    ADMIRÁBEL é o cualificativo que mellor lle cadra, entre outros de carácter laudatorio, á posibilidade de levar adiante a realización do denominado proxecto Vilagarcía Compostela 2M21, deseñado no estudio arquitectónico santiagués de José Luís Sánchez-Agustino e Laura Lozano, feito público nas súas fases dende o ano electoral municipal de 2011 polos seus propios promotores e dende diversos medios nos que se nos veu informando nestes últimos anos. No deseño que foi trazado para a planificación da execución de obra dísenos que comprende a ampliación do porto deportivo de Vilagarcía, triplicando os puntos de amarre para barcos de recreo de diversos calados. Ademais, viría supoñer a edificación dun maior sector urbano de distracción na beiramar e de actividade comercial co prognóstico cívico da creación dun incremento de 3.000 postos de traballo directos e indirectos, así como un sensíbel aumento poboacional.

    Os arquitectos sostiveron contactos cunha das empresas máis sobranceiras do ramo, que non desbota levar ao fin un proxecto estimado en 40 millóns de euros sen carga nos fondos públicos, xa que o promotor resarciríase maiormente cos amarres portuarios deportivos e máis das concesións comerciais que se poñan en marcha. Resumindo, este amplo trazado en proxecto de construción dunha remodelada fronte marítima, con quilómetro e medio de litoral areoso conectado coa praia Compostela, representa con modernas estruturas a amplitude dunha nova área da fachada urbanística de Vilagarcía abríndose cara ao mar.

    A fins do pasado agosto, neste veterano xornal galego ofrecéusenos nunha espléndida montaxe, a dobre páxina, un interesante e detallado reportaxe-crónica de Felipe de Toro, co explícito título de "Un paraíso de playa y náutica a 20 minutos de la capital de Galicia", en relación co proxecto do arquitecto Sánchez-Agustino no que doutra volta recobra actualidade e cada vez con maior apoio na xestión da súa esperada execución. Na Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, no seu pleno ordinario do mes de xaneiro, os seus membros acordaron apoiar o proxecto Vilagarcía-Compostela 2M21. Por outra banda, a xuntanza do 22 xuño do ano pasado coa xefa de Turismo Rías Baixas na Deputación de Pontevedra rematou co apoio do organismo provincial. Unha serie de colectivos como os hoteleiros, a cámara de comercio de ambas localidades, sindicatos e partidos políticos, e cargos autonómicos coñeceron o plan urbanístico polo que tamén amosou claro interese un relevante inversor. De iniciarse xa o proceso de construción desta sobresaínte obra marítima e urbana, sinálaselle, aproximadamente, como un límite final previsto o apostólico ano 2021.

    Esperemos que as circunstancias sexan favorábeis e non se repita aquela exasperante historia do colosal Iberporto arousán para toda a península, presentado en 1969 e esvaecido en 1977.

    Da Real Academia Galega

    12 sep 2015 / 20:57
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito