Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
arte

No territorio das formas vivas

O escultor Álvaro de la Vega leva á galería Ana Vilaseco, da Coruña, unha mostra que reflexiona sobre o corpo humano e que incorpora importantes referencias ó corpo animal ·· O artista introduce o aluminio na realización dos seus volumes, canda o uso xa habitual da madeira

Na nova exposición do escultor Álvaro de la Vega na galería coruñesa de Ana Vilaseco, ademais do corpo humano, que é unha das súas constantes habituais, engade tamén corpos de animais, "porque son formas vivas polo que as inclúo dentro do meu territorio de traballo. Por esa razón, nesta mostra pódense ver algúns cabalos, vacas e outras bestas domésticas das que se moven ó noso arredor".

Tamén engadiu á súa habitual talla en madeira, algunhas pezas feitas en alumino e confesa que ten no seu taller outras en pedra e en cemento que pesan máis de dúas toneladas, "por iso non puiden traelas a unha galería que está no primeiro andar dunha casa xa que, agás da dificultade do transporte, o andar non resistiría".

Pero a madeira é o seu soporte máis habitual. "Gústame comezar a traballala no propio campo, aínda que logo a remate no estudo. É un material barato e difícil porque un machadazo fóra de lugar pode estragar unha peza. Eu primeiro corto con serra eléctrica pero unha vez bocexado o que xa fixera en debuxo, continúo a machotazo que, como o dos canteiros, é un traballo moi duro". O artista estudou Belas Artes na Escola de Barcelona e comezou pintando. En 1985 pasouse á escultura "porque me decatei de que me achegaba os volumes, as analoxías máis próximas a nós e que non había trampas ópticas". Por iso pensa que seguirá en todo o seu futuro facendo esculturas e tamén debuxos, "porque o debuxo é movemento. Ademais sérveme como bocexo para as obras maiores que logo vou facer".

Comprende que o mercado da escultura, para vivir del, non é fácil "aínda que eu teño bastantes clientes entre coleccionistas particulares fóra dalgunhas obras que están en institucións públicas ou privadas. O que pasa é que hai que estar condicionado polo tamaño para que se poida colocar nunha casa".

En ocasións fai grupos de varias esculturas que compoñen un todo, e de cando en vez os ten que desfacer porque lle xorde a oportunidade de vender soamente unha peza "pero isto non é problema porque reconstrúo o grupo, unhas veces como estaba e outras dándolles variacións".

Tallas

Variacións ó redor dun mesmo tema

Na exposición amosa no chan unha ducia de cabezas talladas en madeira e di que "a miña idea é chegar a facer 300 non soamente en madeira, senón tamén en terracota e ferro, para que se poidan expoñer xuntas, o que ocupará unha sala de grandes dimensións; logo sei que irán cada unha en distinta dirección". Tamén ten dúas patas posteriores de cabalo, que son as primeiras dunha serie que vai facer de seis. "Non é que me copie, cousa que non resulta ético, senón que eu concibo así os conxuntos que, ó ser traballadas as pezas a man, os machadazos son distintos e crean diferentes matices. Son ideas que ás veces se reiteran, pero non en primeiro plano, senón con pequenos intersticios que poden inducir ó espectador a algo visto".

21 ene 2007 / 23:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito