Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Noia busca ampliar o asilo e convertelo en residencia

Contempla a creación dun centro de día // A Fundación Monroy ten un acordo para poñer a disposición os terreos

O alcalde de Noia, Santiago Freire, e a concelleira de Economía e Facenda, Laura Salgado, mantiveron onte unha reunión de traballo en Santiago coa conselleira de Política Social, Fabiola García. Un encontro que os representantes municipais aproveitaron para presentarlle á conselleira un proxecto inversor para mellorar as condicións de utilización e a ampliación do asilo que hai no Campo de Noia e que xestiona a Fundación Blanco Romero Monroy. Segundo explicou o rexedor, "este proxecto propón facer unha residencia máis ampla e un centro de día, así como acordar un novo modelo de xestión que garanta un número de prazas para os actuais usuarios, outras prazas para uso público e outras de xestión concertada".

Freire Abeijón agradeceu a boa receptividade de García á iniciativa xa que "este investimento pode materializar un servizo moi demandando en Noia, tanto de residencia de maiores como de centro de día". Un plan que, "incluso con algunha dotación complementaria, podería permitir o seu uso por outros usuarios". Dende a Consellería ven interesante a proposta, "e agora o que toca é traballar nos vindeiros meses para concretar o proxecto e ir avanzando no seu encaixe formal, toda vez que a Fundación Blanco Romero Monroy xa ten un acordo para poñer a disposición os terreos", apuntou o mandatario local.

A reunión serviu tamén para avanzar noutros temas xa analizados con anterioridade coa conselleira durante a súa recente estancia a Noia, co gallo dunha visita á asociación Misela, como son o Servizo de Axuda no Fogar ou a atención a dependentes.

PRAZAS

DEMANDA O asilo que xestiona a Fundación Blanco Romero Monroy na vila noiesa dispón de sitio para 39 usuarios e soe estar sempre ao completo. Dende hai anos a entidade leva buscando liñas de financiación para ampliar as instalacións e poder contar, incluso, cun centro de día. Así, esta iniciativa podería dar resposta as demandas sen ter que construír un novo edificio.

18 nov 2019 / 21:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito