Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Noia recibiu o diploma de ouro por contar con praias sen fume

Galicia, pioneira con esta iniciativa a nivel nacional, pois é a que dispón de dita rede

    O alcalde de Noia, Santiago Freire, recibiu onte de mans do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o diploma de ouro da Rede galega de praias sen fume, por formar parte todos os areais do municipio desta rede que comezou a súa andaina no ano 2016, partindo dunha iniciativa do Concello de Baiona do ano 2012.

    O representante da Xunta puntualizou que, nestes momentos, 141 praias de 64 concellos integran a rede, "continuando coa liña de crecemento de anos anteriores", xa que, nos inicios, comezou con 26 areais e 19 municipios.

    A entrega do diploma tivo lugar na praia de Boa Grande, onde Vázquez Almuiña e Freire Abeijón estiveron acompañados polo director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares Rodríguez, e os concelleiros e concelleiras Ángela Neri Arufe, Mariola López, Laura Salgado e Martín Fernández Godón.

    O conselleiro destacou que, unha vez máis, "Galicia é pioneira a nivel nacional con esta iniciativa, posto que, varias comunidades autónomas, planifican seguir os nosos pasos".

    Almuiña tamén dixo que o obxectivo do seu departamento "é conseguir que, nos vindeiros anos, todas as praias galegas formen parte da rede, reto que só acadaremos coa implicación de todos".

    Pola súa banda, Freire agradeceu o recoñecemento dunha iniciativa que "desnormaliza o consumo de tabaco, supón unha mellora na saúde das persoas e un beneficio para o medio ambiente", sinalou.

    DATOS

    1 Acreditación Almuiña remarcou o número de concellos coa acreditación de Ouro, posto que son xa dez con todas as súas praias dentro da rede. Eses concellos son, -dixo o conselleiro-, Baiona, Corcubión, Rianxo, Barreiros, A Guarda, Noia, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Dumbría e Cabana de Bergantiños. Ademais, outros 13 contan coa categoría de prata, é dicir, como mínimo, teñen a metade dos areais do municipio dentro da rede.

    2 Praias fluviais A Rede galega de praias sen fume é cada vez máis extensa, repartida non só nos concellos situados na costa, senón, tamén, polas ribeiras dos ríos, xa que conta con vinte e nove praias fluviais.

    17 jul 2019 / 21:24
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito