Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Noia repartirá 8.300 euros en premios no París-Dakar

O Concello de Noia repartirá máis de 10.000 euros en premios nos seus dous concursos de Entroido: 8.300 euros no XXXVI Rally París-Dakar, que terá lugar o venres 28 de febreiro, e 1.860 euros no certame infantil de disfraces, que se celebrará o luns 24.

Dúas iniciativas para as que xa está aberta a inscrición na sede electrónica do Concello, persoalmente no primeiro andar da casa consistorial ou chamando ao número 981 84 21 00 (ext 2031), en horario de 09.00 a 13.00 horas. En ambos casos, o prazo pecharase ás 13.00 horas do mesmo día dos concursos.

Así o avanzaron onte as concelleiras de Eventos, Beatriz Rosende, e Comercio, Mariola López, durante a presentación da programación para estas festas, que se desenvolverá entre os días 21 e 28 deste mes.

Os actos previstos darán comezo o venres de Entroido, cunha das novidades deste ano: a festa Eu fun a EXB-BUP polas rúas do casco histórico. Desenvolverase ás 19.00 horas e contará con animación musical "para revivir esa época das nosas vidas con disfraces que lembren eses tempos da nosa xuventude", explicou Rosende. E o sábado, a charanga Licor K será a encargada de caldear o ambiente na localidade a partir das 20.00 horas.

Xa o luns, 24 de febreiro, o pavillón Agustín Mourís acollerá a partir das 18.00 h. o concurso infantil. Un festival presentado por Pedro Brandariz e no que inclúen agasallos para todos os nenos que acudan disfrazados. Haberá catro premios por categoría: grupos infantís (350, 250, 150 e 100 €), parellas infantís (300, 180, 110 e 60) e individuais (160, 110, 60 e 30 €).

O martes, ás 19.00 horas, chegará o tradicional Velorio da Sardiña na praza de abastos, que incluirá unha chocolatada e actuación musical. E o mércores de cinza, ás 20.30 horas, terá lugar o Enterro, con saída dende a Praza do Tapal.


parís-dakar Finalmente, o venres de piñata, ás 21.00 horas, arrincará o Rally París-Dakar, a cita estrela do Entroido na comarca. O desfile sairá da explanada de Labarta, percorrendo o paseo Antón Avilés de Taramancos e as rúas Francisco Romero Blanco, Calvario e Rosalía de Castro ata a Alameda de Noia. A música correrá a cargo da charanga Solfamidas e da Discoteca Chocolate.

O certame incluirá 4 modalidades: individual (200 e 100 €), parellas (300 e 200), comparsas (500, 400, 300 e 200) e grupos (2.000, 1.300, 900, 500 e 300 euros). A maiores haberá dous galardóns especiais para disfraces de veciños de Noia, de 300 € por persoa, e cinco mencións especiais de 100 euros cada unha.

14 feb 2020 / 20:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito