Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{tribuna libre}

'A noiva do vento'

    Chámanlle en Francia noiva do vento a unha humilde e diminuta herba sen raíces que medra entre as carrizas, pero que ten o privilexio de florecer mesmo entre os peores turbillóns. Noiva do vento foi o alcume co que Max Ernst, un dos pontífices do surrealismo nomeaba a súa musa e amante, Leonora Carrington, que aos 94 anos aínda encarna as esencias dese movemento artístico de raigaños literarios. Cóntanolo Elena Poniatowska, outra muller lenda, filla do herdeiro da coroa polaca, xornalista e inmensa narradora. As mellores fabulacións de E. Poniatowska, millentas veces galardoada, afrontan a vida das mulleres ás que admira ou das que se condoe. Tal acontece na súa última e recente novela, Leonora, Premio Biblioteca Breve 2011 de Seix Barral. Unha lenda escribindo sobre outra lenda, á que coñece desde a década dos cincuenta, nun libro que se desenvolve entre a loucura e a arte, como afirmaba un membro de xurado.

    Leonora Carrington, filla de nai irlandesa e dun magnate da industria británica, concibiu a súa existencia como un decálogo de rebeldía. Rebélase contra seu pai, que transuda autoridade e pensa que ás mulleres hai que educalas para compracer. Ama con delirio a Max Ernst, ao seu lado faise surrealista e cando, a comezos de Segunda Guerra Mundial, o internan nun campo de concentración, tolea e bebe sen tregua seguindo o consello de Baudelaire. Foxe de Francia e chega a Madrid convertida nun bandallo humano. Encerro estarrecedor nun manicomio de Santander, onde o Cardiazol aplaca os seus delirios e as súas rebeldías. Consegue fuxir da tutela dos psiquiatras españois e, tras unha breve paréntese en Nova York, establecese en México D.F., ao que enmeiga coas súas cores, os seus contos, os seus delirios e tamén cons terrores anta a "balacera" de Tlatelolco, porque naquela revolta xuvenil participaban os seus fillos.

    A novela é un tributo á forza máxica desta muller, un ser humano extraordinario e, á vez, unha figura perturbadora na que se levedan todos os soños e pesadelos do século XX. Poniatowska novela a vida de Leonora no canto de escribir unha biografía alusiva, recollendo tantas confidencias que a impactaron ao longo dos anos. Abrolla así a personalidade secreta de Leonora, ese seu mundo alífero e subterráneo, ateigado de trasnos e nubeiros, legado da maxia do mundo celta que herda da súa nai irlandesa. A prosa de Poniatowska recrea ademais con grande acuidade o clima do movemento surrealista, o vivir cotián dos seus representantes, o seu maxisterio subversivo e ateigado de contradicións. Un trebón estético que sorprende pola súa forza creadora e que congrega a moitas mulleres. Quizais a máis importante foi Leonora Carrington, á que a música verbal de E. Poniatowska lle dá vida neste libro.

    02 abr 2011 / 02:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito