Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O SAL DA TERRA

Non por correr máis...

    Di un vello adaxio que non por correr máis, chegamos antes. Este consello ven dicir que non podemos esquecer os atrancos que atopamos na vida e que o mellor é chegar ben. De igual xeito, poderiamos dicir que non por querer correr máis chegaremos máis lonxe.

    E isto, xustamente, é o que están a deixar en evidencia os unilateralistas que comandan (máis que gobernan) a Generalitat. Distingo entre independentistas e unilateralistas: os primeiros non perden o siso nin as maneiras pola súa idea. Idea que non comparto pero que respecto, seguindo a sutil e necesaria distinción que fai Joan Coscubiela, antigo secretario xeral da Comissió Obrera Nacional de Catalunya e ex-deputado por Catalunya Sí que es Pot.

    Hai uns días constituíuse o (lector, colla aire) Consello Asesor para o impulso dun Foro Cívico e Social para o Debate Constituínte, ao amparo da parte da Lei de Consultas non Referendarias non anulada polo Tribunal Constitucional. En consecuencia, formouse oficialmente e con publicación no Diario Oficial da Generalitat. Organismo que vai ser presidido por Lluís Llach.

    Pero uns días despois, e como entidade privada ao amparo da lexislación belga, presentouse un Consello pola República nun acto celebrado no Palacio da Generalitat e conexión videoinformática con Bruxelas e Carles Puigdemont, que preside a organización. O feito que fose presentada na sede do goberno catalán non deixa de significar un uso abusivo das institucións públicas, como se en Barcelona –sen ir máis lonxe- non houbese locais axeitados para facelo.

    E de maneira simultánea, o ex-presidente fugado a Bruxelas dá impulso á Crida Nacional per la República, organización presentada a finais de outubro en Manresa e cuxo congreso constitutivo está previsto para xaneiro. Unha fuxida cara adiante que xa comeza a cobrarse abandonos de converxentes que pensan que a cousa xa vai moi lonxe.

    En paralelo a todo isto, Quim Torra –en tanto que presidente-vicario non lle teño o respecto institucional que me mereceron os seus antecesores- non deixa de repartir ultimatos sobre os requisitos que o independentismo esixe para dar apoio aos orzamentos que prepara Pedro Sánchez. Requisitos esixidos malia a vontade manifestada por Oriol Junqueras en Lledoners para que os presos independentistas non sexan empregados como moeda de cambio.

    Engádase a todo isto a teima da Assemblea Nacional Catalana para que Quim Torra faga oficial (é dicir, publique no DOGC) a declaración de independencia feita hai un ano seguindo o mandato cidadán do 1-O. Ambición, esta da ANC, dobremente absurda: un, porque se ben poderiamos admitir que a “república catalᔠfoi declarada, o certo é que nunca foi proclamada: por non facer, nin a bandeira española do Palacio da Generalitat foi arriada; e dous, malia todos os seus espaventos, o verdadeiro problema a resolver polo conxunto do independentismo é como saír do embrollo e ir a unha solución da man de Pedro Sánchez.

    Mal asunto cando a cuestión dos presos (xestos do goberno? influencia na fiscalía xeral?) é posta como conditio sine qua non para falar de dar apoio aos orzamentos do Estado para 2019. Claro está que, coa mesma lóxica, os comúns non darían apoio aos orzamentos do goberno da Generalitat –con repercusión no concello de Barcelona- se os deputados independentistas non fan viables os que presente Pedro Sánchez, co aval de Podemos, na Carrera de San Jerónimo.

    Acaso o goberno que comanda Torra quere a parálise política en Cataluña e en España? Aínda sendo inxustas e excesivas as penas pedidas pola fiscalía do Tribunal Supremo, ¿non hai xeito de esquivalas a prol da renovación política e institucional? Sen esquecer a perda de importantes investimentos con destino a Cataluña. Ou tal vez sexa medo a esa renovación que Pedro Sánchez quere impulsar (incluída unha nova fórmula de autogoberno) e que deixaría en evidencia o discurso baleiro dos que impulsan o “procés”.

    En definitiva, semella que anden nesas bicicletas estáticas nas cales corres moito sen mover do sitio. E entre tanto, nun baño de realismo, Òmnium Cultural (eco do catalanismo moderado) ven de presentar a plataforma “Som el 80%”, en favor dunha solución política e a retirada das medidas represivas, á cal se adheriron no primeiro día 50.000 cidadáns, nun amplo espectro que vai desde socialistas e algún ex deputado do PP ata comúns e independentistas.

    08 nov 2018 / 00:28
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito